O Ciclocrós das Pontes colle a remuda de Pontevedra

Máis de 450 ciclistas tomarán a saída na proba.
A Copa de España continúa a súa estadía por terras galegas. (Foto: CX Pontevedra).
photo_camera A Copa de España continúa a súa estadía por terras galegas. (Foto: CX Pontevedra).

A Copa de España de Ciclocrós 2023 continúa o seu periplo por terras galegas. Apenas cinco días despois da disputa do Gran Premio Cidade de Pontevedra, esta quinta feira, aproveitando a festividade estatal, terá lugar a segunda edición do Ciclocrós Lago das Pontes, terceira proba puntuábel da competición.

Esta cita, de categoría internacional C1, debuta este 2023 como parte do calendario da Copa e servirá, ademais, como unha preparación fundamental do Campionato do España. 

A gran novidade desta proba reside na utilización dun espazo natural "único", como salientan desde a organización, que corre a cargo do Club Ciclista das Pontes, "o lago artificial máis grande" do Estado, situado na antedita localidade eumesa.

Nesta ocasión As Pontes exhibirá un circuíto de 3.300 metros sen ningún tramo asfaltado, sendo a herba a superficie predominante no mesmo, mais acompañada de zonas de area, terra e grava. Tamén os corredores e corredoras terán que facer fronte a taboleiros, chanzos, pasos elevados, acumulación de area e fortes subidas e baixadas.

Ao municipio galego chegan como grandes favoritos na categoría elite/Sub-23 masculina Kevin Suárez -líder tras conseguir dúas vitorias nesta Copa-; o vixente campión estatal, Felipe Orts; Mario Junquera; Alain Suárez; Miguel Rodríguez; o neerlandés Jens Dekker -terceiro na recente cita pontevedresa-; o belga Thijs Aerts ou o americano Gage Hecht. 

Pola súa parte, na modalidade feminina entre as principais favoritas é previsíbel que se reedite o duelo a varias bandas entre Lucía González, Sofía Rodríguez, Irene Trabazo, Laura Mira e a líder, a belga Laura Verdonschot, tendo tamén opcións as súas compatriotas Suzanne Verhoeven, Jinse Peeters e Julie Brouwers. Ademais, no que respecta ás júnior, Hodei Muñoz e Lorena Patiño defenden os liderados que acadaron tras as cadansúas vitorias en Pontevedra.

No que se refire aos horarios, as categorías Máster abrirán a xornada ás 9.30 horas da mañá, collendo a remuda xa ás 12 horas da tarde as mulleres elite/Sub-23, que unha hora máis tarde darán paso aos seus homólogos masculinos. A partir das 14.30 os júnior entrarán en liza, mentres ás 15.45 horas correrán as ciclistas. O pano deste II Ciclocross Lago das Pontes baixará ás 16.45 cos e coas cadetes.

Comentarios