O Campionato da Galiza despide en Poio unha histórica tempada nacional de ciclocrós

Ciclistas de quince categorías competirán este domingo pola mañá no circuíto da Seca. O Campionato da Galiza - V Ciclocrós 'Poio Móvese' presentará un trazado de tres quilómetros de lonxitude.
Corredoras na edición anterior (Foto: Luz Iglesias).
photo_camera Corredoras na edición anterior (Foto: Luz Iglesias).

Despois de tres meses nos que decorreron cinco eventos internacionais e trece xornadas da Copa Galiza, a histórica tempada galega de ciclocrós 2022 baixa o pano este domingo co seu Campionato.

A localidade de Poio será o escenario desde as 9:30 horas das batallas polas coroas ás que optan ciclistas de quince categorías. As intensas chuvias caídas durante as últimas horas e unha previsión meteorolóxica cargada de auga garanten moita lama e espectáculo no circuíto da Seca.

O Campionato da Galiza - V Ciclocrós ‘Poio Móvese’ presentará un trazado de tres quilómetros de lonxitude no que, ademais do barro, os 250 participantes terán que superar en cada volta obstáculos e zonas de area.

A proba organizada polo Poio Bike Club e o Concello de Poio, en colaboración coa Federación Ciclismo Galego, despide o calendario galego, é a última competición previa ao Campionato de España, que terá lugar a vindeira semana en Vic (Catalunya).

Da mesma maneira que o resto de citas disputadas esta campaña no país, tamén repartirá puntos para o ranking da Real Federación Española de Ciclismo ao estar catalogado como un evento de clase 1.33.5.

Programación

O programa de carreiras arrancará cunha primeira quenda na que entrarán en acción tres categorías masters masculinas: 30, 50 e 60. A continuación, ás 10.30 horas, comparecerán os máster-40.

Tras un alto ás 11.30 horas para adestrar, a competición volverá a escena ás 11.45 horas. cos cadetes e ás 12.30 horas comezará a manga feminina coas corredoras elite, Sub-23, júniors, cadetes e masters. Para as 13.30 horas está fixada a celebración da Proba Inclusiva e para as 14.00 horas, a saída dos elites, Sub-23 e júniors masculinos.

Por último, e como ramo da xornada, rodarán polo circuíto as rapazas e os rapaces do pelotón Infantil, unha actividade de promoción sen títulos do Campionato da Galiza en xogo.

Tronos galegos

Hai once categorías nas que están aseguradas as remudas nos tronos galegos, ben sexa por ausencia ou ben polo cambio de grupo de idade da vencedora ou vencedor hai un ano en Maceda.

Pola súa parte, aspiran a repetir vitoria Marina González (Illas Cíes) nas máster-40, Andrés Calvete (Monte Xalo) nos máster-40, Marcial Rodríguez (QueBici-Marcisport) nos máster-50 e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.

Atendendo aos resultados das últimas semanas na Copa Galiza, o elite Samuel González (Máis Que Bicis) e a Sub-23 Laura Mira (Supermercados Froiz) parten como rivais a bater nas quendas raíñas.

Comentarios