Ciclismo

O ciclista galego Carlos Canal correrá o World Tour

Canal asina por dous anos polo equipo Movistar.
O corredor brillou na recente edición da Vuelta Ciclista a España. (Foto: Burgos BH).
photo_camera Despois de brillar en Burgos BH e Euskaltel, Canal dá o salto ao Movistar. (Foto: Burgos BH).

Carlos Canal, o máximo representante do ciclismo galego no escenario profesional a pesar da súa xuventude (22 anos), dá un paso máis na súa carreira e asina polo equipo máis potente do Estado español, Movistar.

Integrado na categoría de elite do circuíto internacional, o UCI World Tour, defenderá as súas cores durante as próximas dúas tempadas, fechando así unha etapa de outras tantas campañas no histórico Euskaltel-Euskadi, a onde chegou procedente do Burgos BH.

O seu novo conxunto definiu o de Xinzo de Limia como "un talento moi interesante", destacando que detrás da súa sinatura están unha gran "solidez en terreos duros", que sexa "bo rodadondo e contra o reloxo" e, ao mesmo tempo, "tamén bastante explosivo", característica que lle vén dos seus inicios, no mundo do ciclocrós, onde chegou a ser dúas veces campión de España na súa etapa júnior.

Tamén foi determinante para provocar o interese dunha escuadra que na campaña 2023 foi a décimo cuarta que máis vitorias conseguiu no World Tour (3) o seu gran final de ano, no que finalizou na undécima posición o Mundial Sub-23 en Estrada de Glasgow (Escocia), estivo entre os mellores nas Voltas de Castela e León e de Burgos e a piques estivo de facerse coa vitoria no recente Circuíto de Langkawi.

Unha vez confirmada oficialmente a noticia, Canal non dubidou en expresar a súa alegría: "Aterrar no Movistar Team é un soño cumprido. É un equipo de referencia en España e a nivel internacional, e pasar á máxima categoría con eles é a combinación perfecta". 

O limiao engadiu que "un corredor novo" como el sempre "soña con estar" na escuadra estatal "por excelencia", un lugar polo que pasaron "tan grandes ciclistas". "Gustaríame seguir crecendo e ver que carreiras nos van ben -que, polo momento, parece que serán as clásicas-, e, a partir de aí, poñerme á súa disposición, con todas as ganas e ilusión, e traballar duro para chegar lonxe", apostilou.

Ademais, o corredor de 22 anos lembrou que pese a fechar a tempada 2023 cunha caída en Malaisia está "moi satisfeito" co rendemento exhibido, especialmente porque nota que deu "un paso adiante", que continúa "medrando", polo que de cara ao 2024 agarda "dar outro salto de calidade" e demostrar todo o que pode chegar a conseguir.

Comentarios