venres 24/09/21

Carlos Canal, único galego na Volta Ciclista a España

A proba, con tres etapas na Galiza, comeza este sábado.
Esta será a primeira 'grande' para o corredor formado no Maceda. (Foto: Burgos Pro Team).
Esta será a primeira 'grande' para o corredor formado no Maceda. (Foto: Burgos Pro Team).

A Volta Ciclista a España, a terceira proba máis importante do calendario internacional despois do Tour de Francia e do Giro de Italia, arranca este sábado na cidade de Burgos, e nos 187 corredores que serán da partida destaca o nome do galego Carlos Canal, o primeiro representante da Galiza nalgunha das tres grandes no último trienio, cando Pablo Torres correra a edición de 2018 da rolda española.

Curiosamente, o limiao defenderá as mesmas cores do Burgos BH,  un dos tres equipos que recibiron invitación por parte da organización para poder participar, xunto co Caja Rural-Seguros RGA e o histórico Euskaltel-Euskadi.

Na súa segunda campaña como profesional, o corredor de 20 anos formado no Club Ciclista Maceda foi escollido por parte do seu director deportivo, Rubén Pérez, como premio ao rendemento ofrecido polo de Xinzo de Limia desde que dera o salto da categoría Júnior a un conxunto UCI ProTeam.

Tras un primeiro ano de aprendizaxe, no que non tardou en adaptarse ao ritmo dos profesionais, Canal acumula 28 días de competición no que vai de 2021. O sétimo posto asinado na Volta a Murcia é o seu mellor resultado, pero a súa actuación máis destacada protagonizouna na Itzulia, cando no seu debut na volta ao País Vasco foi quen de completar unha etapa na que sufriu unha aparatosa caída a 130 quilómetros da meta. A organización puxo en valor esta demostración de coraxe outorgándolle o premio da combatividade desa xornada. 

Un percorrido con final galego con sabor 'vintage'

A Volta 2021 presenta un percorrido no que destacan catro etapas de media montaña, sete de montaña e dúas contra o reloxo individual, así como as tres que transcorrerán por territorio galego, incluída a derradeira e definitiva.

Deste modo, na súa décimo novena xornada a 'serpe multicor' adentrarase na Galiza desde Asturias até rematar en Monforte. Ao día seguinte chegará a coñecida como "Clásica das Ardenas", deseñada por Óscar Pereiro, entre Sanxenxo e o Castro de Herville (Mos); mentres que o gañador final coñecerase na contra o reloxo Padrón-Santiago de Compostela, que retrotrae a aquela que deu fin á edición de 1993 marcada polo duelo Zülle-Rominger.

comentarios