ciclismo

O ciclismo toma Pontevedra co gallo do seu Gran Premio: todos os detalles da proba

A cita terá lugar o domingo, día 24 de marzo.
O acto de presentación tivo lugar na Praza do Concello. (Foto: concello de Pontevedra).
photo_camera O acto de presentación tivo lugar na Praza do Concello. (Foto: concello de Pontevedra).

A Boa Vila acollerá o vindeiro domingo, día 24 de marzo, un novo evento deportivo, esta vez coas bicicletas como grandes protagonistas. Trátase do Gran Premio Cidade de Pontevedra, que promete ofrecer quilómetros de competición a través dunha proba que forma parte do calendario da Copa de España Feminina en Estrada e que implica a distintas cidades do territorio estatal.

O certame presentará 40 equipos, entre os que destaca o local Team Farto-BTC, e alén da propia carreira contará con diversas actividades paralelas que acompañarán o seu desenvolvemento na cidade do Lérez, como obradoiros, exposicións de bicicletas de diferentes marcas, palestras e conferencias, xincanas para as crianzas no centro da cidade ou un menú especial en diferentes locais hostaleiros da localidade denominado Bike e aberto tanto a participantes como a seareiros e seareiras do ciclismo.

Durante o acto de presentación deste Gran Premio de Pontevedra, que tivo lugar na terza feira na Praza do Concello, o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que o apoio institucional ao deporte feminino representa unha "obriga absoluta", máis aínda "cando se percibe o éxito que teñen este tipo de probas e como esta disciplina deportiva continúa a gañar adeptas". 

Por outra parte, o rexedor puxo en valor o "auxe" que vive o ciclismo na cidade de Pontevedra, representado "na inxente cantidade de probas que se foron realizando, e que se realizarán, nos últimos tempos", incidindo no "bo estado de saúde" desta modalidade e na "capacidade da Boa Vila para atraer e fidelizar a todos e todas as participantes destas probas".

III Challenge Volta ao Barbanza 'A Orixe'

Sen deixar o deporte das dúas rodas, a terceira edición da Challenge Volta ao Barbanza 'A Orixe', que de novo está organizada polo Club Ciclista homónimo,  disputarase do sábado 23 de marzo ao domingo 24.

A competición, de categoría júnior e puntuábel para o ránking da Federación Española de Ciclismo, contará cun total de 180 quilómetros divididos en dúas etapas, tendo lugar a primeira no municipio de Boiro e a segunda no da Pobra, e entre os favoritos destaca o gañador do ano pasado, Sergio Calvo.

Comentarios