Chegou o momento de Nerea Pampín no Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas

A dezá estrearase esta quinta feira na competición internacional que ten lugar estes días en Pontevedra.
Nerea Pampín no o Campionato de España Sub-23 en 2021 (Foto:Federación Galega de Loita).
photo_camera Nerea Pampín no o Campionato de España Sub-23 en 2021 (Foto:Federación Galega de Loita).

Nerea Pampín (Vila de Cruces, 1999) ten esta quinta feira por diante pasar á historia do deporte galego. A deportista dezá debutará hoxe ás 10.30 horas no Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas que se está a realizar estes días en Pontevedra. Será a súa última cita internacional nesta categoría e o destino cadrou que o lugar sexa a cidade do Lérez. Desde os 14 anos, cando chegou como bolseira do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), esta foi a súa casa.

Pola súa cabeza pasará a experiencia de participar no Europeo en 2019. Agora, tres anos despois, conta con moita máis experiencia. Diante terá loitadoras de moito nivel de países como os Estados Unidos de América ou Xapón, e a presión de saberse favorita para levar medalla neste campionato. 

Pampín, coa axuda dos adestradores oficiais do CGTD Rubén Méndez e Marcos Miragaya, conseguiu ser agora a deportista estatal con maior puntuación ao quedar clasificada en quinto lugar na xeral do pasado Campionato de Europa U-23. A galega non o terá nada doado. 

No seu primeiro combate en Pontevedra medirase cunha dura contrincante, a loitadora Nigar Mirzazada (Acerbaixán), bronce no último Campionato Europeo Sub-23, coa arela de vencer e pelexar despois polos postos de honra. 

Estrea da loita feminina

Esta cuarta feira tivo lugar a estrea da loita feminina coa participación de Yui Susaki. A xaponesa, actual campioa mundial absoluta e olímpica no seu peso de 50 quilos, é a máxima aspirante a conseguir a única medalla que non ten. Ela será, tamén hoxe, a que centre todas as olladas da xornada na final.

Para chegar a nipona tivo que desfacerse antes de Shahana Nazarova (Acerbaixán) e tamén de Sarra Hamdi (Tunes) pola mañá e despois, pola tarde, fixo o mesmo coa italiana Emanuela Liuzzi. 

Último evento deste deporte en Pontevedra

Esta é a segunda e última semana dos Mundiais de Loita que se están realizando en Pontevedra, após ter lugar o da modalidade de Grappling e Grappling-Gi que comezaron o día 12 de outubro, e que converteron a cidade galega na capital internacional deste deporte. A cita de Sub-23 comezou esta pasada segunda feira con tres modalidades: Loita Olímpica, Feminina e Grecorromana.

Participan un total de 638 deportistas que competirán até  o domingo no Pavillón Municipal de Deportes, unha cifra histórica que supera os rexistros dos anteriores oito campionatos.

Comentarios