EQUIPO DE FúTBOL ESCOCéS

O Celtic conmemora a gran crise da fame de Irlanda

O equipo de fútbol de Glasgow salta esta tarde ao campo cunha elástica coa insignia que conmemora a gran fame que padeceu Irlanda, unha crise que deixou a súa pegada non só na emigración, senón tamén na perda da cultura e na decadencia do gaélico.

Detalle da camisola do Celtic
photo_camera Detalle da camisola do Celtic

Con motivo da conmemoración anual da gran fame de Irlanda, os xogadores do Celtic de Glasgow, que compite na liga de fútbol escocesa, sairán ao campo coa insignia da Nacional Famine Memorial Day na súa camisola. Lembran, así, a fatídica gran fame que afundiu Irlanda entre 1845 e 1849.

Tal e como sinala o club nun comunicado, “a gran fame transformou Irlanda e mudou o panorama demográfico e cultural para sempre”. “Non hai nada na historia dos irlandeses que se poida comparar coa gran fame, xa sexa polo seu impacto, polo legado da emigración, pola perda cultural ou pola decadencia da lingua irlandesa”, engade o club.

Con este xesto, o Celtic pretende homenaxear as persoas que sufriron esta gran crise. O seu presidente executivo, Peter Lawwel, sinalou que as orixes do Celtic Football Club “están vinculados á gran fame e é xusto que nos sumemos a esta conmemoración”. Lembrou, ademais, que o Celtic foi formado por inmigrantes irlandeses para axudar as persoas necesitadas, moitas delas con familias exiliadas debido á devastación desta crise.

As camisolas conmemorativas serán levadas a unha poxa nos próximos días cuxa recadación será destinada a fins benéficas.

Comentarios