O Celta regala dous puntos

Os celestes melloran no xogo mais non tiran máis proveito diso que un empate perante o Xetafe (1-1)

celta getafe
photo_camera Imaxe: LFP

Mellorou o Celta mais non foi abondo. Regalou dous puntos fronte ao Xetafe na recta final do partido, deixando un resultado (1-1) que nin convence nin gosta no club nin na afección. Os celestes foron superiores, nomeadamente na primeira metade do encontro mais non foi o Geta un rival doado. Apostou con claridade por non permitir a fluidez no xogo, unha estratexia que ao celta custoulle suor sobrepasar.

O Celta arrancou con dúbidas, co peso da mochila de ter atinxido só 3 puntos en catro encontros. Non axudaron algúns apupos que se escoitaron en Balaídos nese arranque. Jozabed, Tuco e o canteirán Brais Méndez –que debutaba co primeiro equipo- lograron regular as conexións entre defensa e medio campo, sentando as bases para que o Celta se fose arriba.

A equipa foi collendo forma e animándose no ataque, onde Maxi Gómez inaugurou o marcador cando nos achegabamos á primeira media hora de partido. O uruguaio leva xa catro goles en cinco encontros, unha efectividade que é toda unha garantía.

Un erro en defensa, cando faltaban cinco minutos para finalizar o encontro, propiciou o gol do empate do Xetafe. Xerra de auga fría para os celestes, que deberán agora prepararse para enfrontarse ao Eibar.

Ficha técnica

Celta (1): Sergio, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontàs, Jonny, Pablo Hernández, Brais Méndez (Emre Mor, min.59), Jozabed (Wass, min.81), Iago Aspas, Sisto (Lobotka, min.74), Maxi Gómez.

 Xetafe (1): Guaita, Damián, Djené, Cala, Antunes, Arambarri, Bergara, Portillo (Ángel, min.56), Fajr (Álvaro, min.56), Amath (Jefferson Montero, min.75), Molina.

 Goles: Maxi Gómez (1-0, min.25); Ángel, (1-1, min.85).

 Árbitro: Trujillo Suárez, do comité tinerfeño. Amoestou Jozabed, Maxi Gómez (Celta); Djené, Antunes (Getafe).

 Campo: Balaídos (15.068 espectadores).

 Observacións: antes do inicio do partido gardouse un minuto de silencio en memoria do ex xogador celeste Tucho de la Torre. O canteirán Brais Méndez debutou en partido oficial co primeiro equipo.

Comentarios