Un Celta que foi de menos a máis caeu ante o Atlético (2-1)

Os celestes sufriron até mediada a segunda parte. Nos últimos 20 minutos, o Celta deu o seu mellor perfil e mesmo rozou o empate perante o co-líder.

Celta-Athlético
photo_camera Foto: LFP

Tres puntos que se escapan, un calvario durante gran parte do encontro e unha sensación de que de non for por Yoel a armada celeste levaría para casa un bon feixe de goles. Esa é a sensación negativa dun Celta que ten que reaxir xa, sen máis demora, ao voltar do parón ligueiro.

Mais tamén hai unha sensación bonita, unha cara positiva do encontro: uns últimos 20 minutos en que os celestes acurralaron os 'colchoneros' e mesmo chegaron a soñar co empate. Neses minutos, o protagonismo do Celta non foi o porteiro, senón Nolito (que saíu a xogar no minuto 58). Meteu un gol e puxo a paixón e as gañas, ademais, da técnica, que o Celta non atopara no inicio do encontro.

Dúas caras

Nun Calderón que por veces semella a Praza de Oriente pola acumulación de bandeiras co aguia franquista que hai en certos sectores das bancadas, o Celta ofreceu as súas dúas caras: a peor, nos primeiros 70 minutos, nos que encaixou dous goles (ambos, de Diego Costa) e semellaba naufragar en todas as liñas agás a portería, onde Yoel mesmo parou un penalti.

A mellor: nos últimos 20 minutos, co gol de Nolito e unha armada celeste envorcada no territorio atlético e con gañas de morder.

Haberá que agardar para vermos cal das dúas caras vai ter o Celta despois do parón de Liga.

Comentarios