O Celta busca revivir ante o Madrid o espírito de 2014

Unha vitoria en tan só dúas décadas é o exiguo balance ligueiro como local do Celta ante o Real Madrid, o que dá mostra da magnitude do desafío que afrontan hoxe os celestes. Non queda atrás en dificultade o do Lugo na Segunda División, que visita o Valladolid, nin o do dun Dépor obrigado a gañar ao Raio Maxadahonda.
Aquela derrota madridista de 2014 en Balaídos na penúltima xornada custou aos brancos as súas opcións de facerse co título.  (Foto: Real Madrid).
photo_camera Aquela derrota madridista de 2014 en Balaídos na penúltima xornada custou aos brancos as súas opcións de facerse co título. (Foto: Real Madrid).

Cantaba Gardel en Volver, quizais a súa peza máis popular -polo menos a este lado do Atlántico- aquilo de "20 anos non son nada", e quizais nas lides do amor sexa así, pero non nas do fútbol. Nese período de tempo o Celta de Vigo só foi quen de sumar unha vitoria ligueira en Balaídos ante o Real Madrid, un xa afastado 11 de maio de 2014. Aquel 2-0 queda tan lonxe que, de entre todos os 14 xogadores que lograron aquel histórico dous a cero -ambos os tantos materializados por Charles, actualmente no Pontevedra-, tan só Manuel Agudo Durán, 'Nolito', continúa na escuadra celeste.

Santi Mina, convocado contra prognóstico 

Non obstante, non se agarda que Nolito sexa titular, pois na súa posición xogará Cervi tras dos partidos ausente. Tamén serán novidades Kevin Vázquez no lateral dereito -substituto do mancado Hugo Mallo, baixa o que resta de tempada- e Galhardo na dianteira, pois aínda que Santi Mina está convocado -a pesar de non adestrar co grupo en toda a semana por atoparse en Almería co gallo do seu xuízo por unha presunta agresión sexual-, será suplente. A súa chamada para a lista sorprendeu a boa parte da afección celeste, e o técnico Eduardo Coudet xustificouna declarando que "mentres a Xustiza non diga o contrario, todos somos inocentes". A maiores, puxo a venda antes que a ferida, e considerou "ridículo" un "xuízo paralelo" ao dianteiro por parte das bancadas de Balaídos.

Xunto a eles, o Chacho apostará polos habituais Dituro, Javi Galán, Aidoo, Araújo -ou Murillo, segundo o estado físico do mexicano-, Fran Beltrán, Brais Méndez e, por suposto, Iago Aspas. Enfronte, o Real Madrid, despois dunha semana de compromisos das seleccións, é unha incógnita, pero o máis probábel é que forme con Courtois; o galego Lucas Vázquez, Militao, Alaba, e Mendy en defensa; o tradicional tridente Casemiro, Modric e Kroos no medio; e Asensio, Vinicius e Benzema no ataque.

Segundo duelo de altura consecutivo para o Lugo

Na Segunda División, apenas unha semana despois de xogar ante o líder, o Club Deportivo Lugo viaxa a Valladolid para saltar ao terreo de xogo do Novo Zorrilla ás 16 horas de hoxe. Terceiros na clasificación, os pucelanos son especialmente fortes na súa casa, onde tan só encaixaron 10 tantos no que vai de campionato, realidade da que son perfectamente conscientes no seo do cadro albivermello.

O atacante Chris Ramos, un dos habituais nos planes de Rubén Albés, recoñeceu ao Valladolid como "un dos mellores equipos" da competición, mais sen complexos manifestou a súa intención de "facer o mellor partido posíbel para ir a por os puntos".

Última oportunidade para Borja Jiménez en Riazor

A situación na Coruña non podería ser máis tensa. A derrota en Balaídos ante o filial do seu eterno rival, o Celta B, espertou vellos pantasmas e agora mesmo a afección ve perigar non só o ascenso directo, senón mesmo uns postos de play-off aos que tamén aspira o contrincante de hoxe do Dépor (16 horas), un Raio Maxadahonda que ocupa o quinto e último posto de promoción con tan só catro puntos menos que a escuadra branquiazul. De volver perder -o Dépor leva só oito puntos dos últimos 27 en liza-, a destitución de Borja Jiménez como técnico herculino sería practicamente un feito.

Polo contrario, o seu verdugo da pasada fin de semana afronta con confianza a visita ao Dux Internacional de Madrid (mañá, 17 horas), coa esperanza de dar continuidade á vitoria ante o Dépor e así consolidarse nunha zona nobre á que aspira o Rácing Club de Ferrol, terceiro clasificado, que xoga tamén fóra da casa, no seu caso contra o Calahorra rioxano (mañá, 12 horas).

Comentarios