O Celta alarga a súa mala etapa

Cae co Sevilla (2-1) e suma só 3 de 15 puntos posíbeis.

lobotka-sevilla-celta-sanchez-pizjuan-liga-2018-2019
photo_camera Imaxe: Liga

Empezou ben o partido e botou man de afouteza na recta final do encontro mais iso non abonda e o Celta marchou de Sevilla coa súa segunda derrota da tempada ás costas e alargando a mala racha de resultados e de xogo. Os celestes sumaron só 3 dos 15 puntos posíbeis e após aloumiñar a parte alta da táboa anda agora na décima posición.

En Sevilla o Celta saíu ao campo con outro esquema a desenvolver. Antonio Mohamed move fichas e liñas dun partido a outro, confiando en atopar a fórmula acaída. Polo de agora non o conseguiu e tomou unha decisión (a de sentar Iago Aspas) que dará que falar.

Para ser xustos, o Celta tamén tivo que xogar contra o VAR (deu un gol de Ben Yedder que parecía fóra de xogo ) e apandar cunha rápida expulsión de Araújo por duplo cartón amarelo en dous minutos. Os celestes tiveron oportunidades embora non lle sacar crédito. Até o primeiro gol, o Celta desputou de ti a ti o partido co Sevilla. Unha garra que recuperou cara ao final, cando Boufal meteu un precioso gol e o Celta semellou crer na remontada. Mais non foi posíbel.

Houbo unha lixeira mellora da imaxe equipa respecto aos partidos anteriores. Porén, non foi abondo para sumar unha vitoria. Nin sequera para insuflar optimismo sobre a marcha do combinado celeste. 

Ficha técnica

Sevilla CF (2): Vaclik; Carriço, Kjaer, Sergi Gómez; Navas, Sarabia, Banega (Mesa, min.90), Mudo Vázquez, Arana; Ben Yedder (Promes, min.79), André Silva.

RC Celta (1): Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Araujo, Juncà (Júnior, min.83), Beltrán, Lobotka, Iago Aspas (Boufal, min.70), Maxi Gómez, Sisto (Dennis, min.46).

Goles: 1-0, min.39: Sarabia; 2-0, min-62: Ben Yedder; 2-1, min.85: Boufal.

Árbitro: González Fuertes, do comité asturiano. Expulsou Araujo Con duplo cartón amarelo (min.59) e amoestou Banega, Carriço, Arana, Roncaglia.

Campo: Sánchez Pizjuán, 38.060 espectadores.

Comentarios