Os ciclistas galegos conservan as súas opcións na Volta a Portugal

Marque, Fernández e Sánchez continúan no 'Top-10'. Mañá, a 'Grandíssima' roza a Galiza, pois sae de Viana do Castelo
Luís Gomes gañou a etapa de hoxe. (Foto: Volta a Portugal).
photo_camera Luís Gomes gañou a etapa de hoxe. (Foto: Volta a Portugal).

Sen novidades na LXXXIII Volta a Portugal em Bicicleta despois da disputa da súa sétima etapa entre Santo Tirso e Braga. O local Luís Gomes fíxose coa vitoria logo dunha fuga sen incidencias nunha clasificación xeral na que tres ciclistas galegos continúan no 'Top-10', pois Alejandro Marque é sexto a tres minutos e 33 segundos do líder; Delio Fernández, sétimo a 4.17; e Ángel Sánchez, décimo a 7.05.

As etapas decisivas

Restan tres etapas para o final da Grandíssima, tres percorridos ben diferentes que serán determinantes para determinar o gañador final.

A primeira é moi especial para a afección galega, pois quen queira contemplar a saída tan só terá que achegarse mañá ás 12.25 horas até a Alameda 5 de outubro da localidade fronteriza de Viana do Castelo. Desde aí o pelotón afrontará 182,4 quilómetros de altibaixos con predominancia da media montaña, pois terán que ascender dous portos de cuarta categoría e outros tantos de terceira até chegar a Fafe.

Máis duro, se cabe, será o día de pasado mañá para os corredores, pois a novena e penúltima etapa, que conectará Paredes con Mondim de Basto en 174,5 quilómetros, inclúe unha subida de cuarta categoría nada máis botar a rodar a carreira, á que sucederán tres de primeira, a última Nossa Senhora de Graça, final en alto con até 10% de desnivel que promete ser terrorífica para as xa cansas pernas dos ciclistas.

E, no caso de que aínda quede algo por decidir, a derradeira etapa (15 de agosto), unha contra o reloxo de 18,6 quilómetros entre Porto e Vilanova de Gaia, exercerá como xuíz final dunha Volta a Portugal que non gaña un galego desde que o fixera Gustavo César Veloso en 2015, finalizando así unha época de dominio absoluto na que a Galiza conquistou todas as roldas lusas entre ese ano e 2008, salvo a de 2011.

Comentarios