O extremo Carles Pérez xogará no Celta

A súa chegada diminuirá a 'Aspasdependencia' no ataque celeste
No exercicio pasado, Carles Pérez defendeu durante 993 minutos as cores da Roma, coa que levantou a Conference League. (Foto: AS Roma).
photo_camera No exercicio pasado, Carles Pérez defendeu durante 993 minutos as cores da Roma, coa que levantou a Conference League. (Foto: AS Roma).

Un dos culebróns do verán chega ao seu último episodio. Despois de ser vinculado inicialmente co Valencia, o extremo Carles Pérez finalmente chegará ao Celta de Vigo en calidade de cedido procedente da Roma. Cousas dos tempos nos que vivimos, a parella do xogador confirmou o segredo a voces a través dun vídeo publicado na súa conta de TikTok antes incluso de que o fixesen os propios clubs.

Nado en Granollers en 1998, este canteirán do Fútbol Club Barcelona non logrou facerse cun oco no sempre competitivo ataque blaugrana e decidiu probar sorte no fútbol italiano, concretamente na Roma.

Foi en xaneiro de 2020 cando fixo as maletas, pero no Calcio tampouco foi quen de demostrar todas as capacidades baixo a dirección de José Mourinho. O portugués non contou demasiado con el, pois tan só disputou 993 minutos repartidos entre a Liga, a Copa de Italia e a Conference League. Con todo, en máis dunha ocasión gabou a entrega e o traballo dun home que medrou como futbolista nos dous anos e medio que leva na Roma, especialmente no eido físico.

A Vigo chega en calidade de cedido, ampliando así a conta de reforzos de verán do conxunto olívico até os oito, tras Williot Swedberg, Óscar Rodríguez, Luca de la Torre, Agustín Marchesín, Unai Núñez, Mingueza e Gonçalo Paciencia.

Xunto con este último, contribuirá a reducir unha Aspasdependencia na liña de ataque moi evidenciada no que vai de pretempada. Ademais, Carles Pérez reunirase en Vigo con Mingueza, un vello coñecido das categorías inferiores do Barça. 

O central lembrou nunha rolda de prensa no día de onte a "boa relación" que mantiñan na súa xuventude, e tras afirmar que o dianteiro "ten características para achegar moito", confesou que o dianteiro "tiña gañas" de xogar no Celta. 

Quen ten todo para saír da escuadra olívica é Santi Mina. Tanto fontes do club como próximas ao futbolista, condenado por abuso sexual o pasado mes de maio, recoñecen unha interesante proposta do Al Shahab saudita, que estaría disposto a facerse cargo integramente do salario do xogador durante unha cesión dun ano.

Comentarios