O Campionato Ibérico inunda de windsurf a ría de Vigo

O vigués Tomás Vieito aspira a gañar en 'foil'.
Nicolás Blanco preparouse no Náutico de Castrelo de Miño. (Foto: Rita Pérez Carou).
photo_camera Nicolás Blanco preparouse no Náutico de Castrelo de Miño. (Foto: Rita Pérez Carou).

Windsurfistas de toda a Península estarán mañá na liña de saída da ría de Vigo para participar no Campionato Ibérico de Fórmula Windsurf (clases foil e fin), no que confirmaron a súa participación os campións estatais de ambas as categorías: o vigués Tomás Vieito (foil), que compite polo Real Club Náutico Rodeira, e o andaluz Roberto Ortiz (fin), da Comisión Naval de Regatas de Cádiz

O evento está organizado polo Club Marítimo de Vigo co apoio de Marinetea, Sailway, o Marítimo de Canido e do Liceo Marítimo de Bouzas, e intégrase na estrutura da Semana Abanca, tendo en xogo ademais os premios Deputación de Pontevedra e Xunta da Galiza para cada unha das categorías en liza.

O apartado técnico correrá a cargo dos xuíces estatais Pedro Fernández Alarcón (Ferrol) e Carlos Sardiña (A Coruña), que foron designados pola Real Federación Española de Vela para dirixir unha competición que arrancará ás 13 horas de mañá na enseada de Rande.

A Organización apostou forte por este certame, pois xa presentou oficialmente para o 2023 a candidatura de Vigo para que se leve a cabo no mesmo escenario o Campionato de España, un proxecto que conta co apoio da Secretaría Nacional de Fórmula Winsdurf, que preside Simón Fernández, o cal a converte en favorita de cara a unha designación que se resolverá antes de final de ano no seo da Federación estatal de vela.

Entre os participantes en foil destaca a numerosa presenza do Náutico de Castrelo de Miño de Ourense, con Simón Fernández á fronte; do Náutico Rodeira de Cangas; do Catro Ventos de Santa Uxía de Ribeira; do castelán manchego do Vicario Pantanicolas de Cidade Real Eduardo Navarro; ou a ampla representación lusitana, con Margarida Gil, André Videira e Marco Gil como máximas expoñentes.

En fin por parte de Portugal chega á Galiza o seu mellor windsurfista, Vasco Chaveca (Club Naval), mentres que Castrelo de Miño estará presente con cinco regatistas (Azpilicueta, Cibreiro, Conde, Iglesias e a Rita Pérez); Praia de Oza da Coruña con Jaime Manuel e Pedro Piñeiro-Estrella; e Rodeira con David Maceiras. Tamén estarán o estremeño Alfonso Tertre (Náutico Serranillos de Toledo), Fernando Calvo (Valmaior de Madrid) ou Eduardo Navarro, de Pantanicolas. 

Comentarios