O Campionato Galego de Resistencia será o próximo 3 de marzo en Narón

300 corredores e corredoras optarán ao título nacional.
Esta é a terceira BTT de Narón.
photo_camera Esta é a terceira BTT de Narón.

A pasada fin de semana baixou o pano a tempada internacional de ciclocrós co Mundial de Tábor (República Checa) -onde realizaron un moi bo papel as tres representantes galegas, Miguel Rodríguez (21), Lorena Patiño (24) e Aroa Otero (41)-, mais na Galiza aínda restan probas de ciclismo de montaña por disputarse.

Unha das máis importantes é o Campionato de BTT Resistencia Cidade de Narón, ao que aspirarán preto de 300 corredores e corredoras -segundo estimacións oficiais- o próximo 3 de marzo na parroquia do Pedroso, sabendo que, quen consiga facerse co triunfo final, logrará tamén o título do Campionato Galego.

Así o confirmou o presidente da Federación Ciclismo Galego (FGC), Juan Carlos Muñiz, nun acto de presentación no que estivo acompañado polo edil de Deportes de Narón, Ibán Santalla, e por dous membros da entidade organizadora, Samuel Bustabad e José Luis Fernández, presidente e vogal do Club Ciclista Narón.

Estes últimos, logo de expresar o seu "agradecemento" ao Concello e á Federación Ciclismo Galego pola súa "colaboración", engadiron que os e as participantes "realizarán un percorrido por un tramo de seis quilómetros por Pedroso, cun tempo máximo de tres horas, e no que gañará quen dea máis voltas ao circuíto nese tempo"

Damián Ramos prepara o Mundial en Valencia

O paraciclista coruñés Damián Ramos, quen hai apenas tres semanas volvía con dúas medallas da Copa do Mundo de Adelaida (Australia), permanece desde onte, e até o próximo 9 de febreiro, na localidade de Valencia xunto cos seus compañeiros do combinado estatal para preparar o inminente Mundial de 2024, que será en Río de Janeiro do 20 ao 24 de marzo.

Comentarios