A camisola do Dépor que arrasa nas redes sociais

O Deportivo da Coruña vén de dar a coñecer a terceira equipación para a vindeira tempada. Tras presentar a primeira, inspirada no mar da Galiza, e a segunda, na montaña, fai o propio coa terceira, na que o mapa galego é o protagonista.

A equipación do Deportivo (Imaxe: RCDC)
photo_camera A equipación do Deportivo (Imaxe: RCDC)

A primeira das equipacións do Dépor para a vindeira tempada ten como protagonista a cor azul, unha chiscadela, segundo o club, ao mar galego, mentres que na segunda é o verde o que centra a atención, nun aceno ao interior.

A terceira é a que está a espertar máis entusiasmo nas últimas horas nas redes sociais. Un deseño mesmo celebrado por seareiros doutros clubs.

“O vento, o salitre e as rochas de furia branca” que rodean a Galiza, expón o Dépor nun vídeo promocional. A camisola, da marca italiana Kappa, representa o mapa da Galiza, coas cores branca e azul como protagonistas. Ao igual que nas outras dúas elásticas, a parte posterior do pescozo reza "Galiza Atlántica", coa tipografía do galego Rubén Prol.

"Con este modelo e a través de futuras accións, el RC Deportivo quere pór á disposición da sociedade o seu potente altofalante social para colaborar na difusión de campañas de concienciación de coidado e limpeza do litoral e as costas", asegura o club.

Desta maneira, o Deportivo da Coruña continúa na liña de homenaxear Galiza cos conxuntos que visten os seus xogadores e as persoas afeccionadas. Nun primeiro momento, optou polas cores da bandeira galega, tamén por incluír o himno. Agora fai o propio coa xeografía.

Deturpación do topónimo

O éxito do deseño da terceira equipación non silenciou as protestas debido ao uso do topónimo ilegal da Coruña no nome do club. De feito, afeccionadas e afeccionados do Dépor manteñen desde hai anos un malestar co club debido á falta de respecto deste co idioma, mantendo o nome da cidade deturpado.

O BNG e A Mesa pola Normalización Lingüística tamén se pronunciaron sobre a proposta que suporía legalizar e respectar o topónimo no nome do club.

"Son moitas e moitos os deportivistas que desexan que o Deportivo empregue dunha vez por todas a toponimia oficial, que contempla a forma galega como a única válida", defende A Mesa, que lembra que esta é unha demanda histórica dos afeccionados para corrixir unha "anomalía" tamén histórica.

"O Deportivo da Coruña é das poucas grandes marcas empresariais da cidade que segue mantendo o topónimo deturpado no seu nome xurídico. Un incumprimento da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística que o Concello da Coruña e a Xunta da Galiza permitiron e non esixiron que se respecte o nome oficial da cidade", recalcan.

A Dirección do club, propiedade de Abanca, non fixo nada ao respecto, de momento.

Comentarios