Burela-Poio e Ourense-O Castro, duplo derbi na elite do fútbol sala

O equipo laranxa xogará cun ollo no Alcorcón-Futsi Atlético Navalcarnero.
As da Mariña son as líderes. (Foto: Pescados Rubén Burela).
photo_camera As da Mariña son as líderes. (Foto: Pescados Rubén Burela).

Todas as fins de semana insistimos neste dato, pero non por repetido torna innecesario resaltar que na Primeira División de Fútbol Sala Feminino a Galiza conta con seis equipos sobre o total de 16 que integran a máxima categoría.

Nesta ocasión o partido estrela será o derbi entre os dous conxuntos máis potentes do país, o Pescados Rubén Burela e o Poio Pescamar, que medirán as súas forzas ás 20 horas da tarde deste sábado. 

De cara ao gran clásico, as guerreiras laranxas recibiron nas horas previas a visita do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da área de Deportes da institución, Efrén Castro, quen estivo acompañado pola candidata do BNG á presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, que mesmo se animou a dar algunhas patadas ao balón, mais non entrou na convocatoria de Julio Delgado.

Se gaña, o Burela podería aumentar a distancia co segundo clasificado, Arriva Alcorcón, pois a formación madrileña disputa un -sobre o papel- igualadísimo derbi co seu eterno rival, Futsi Atlético Navalcarnero.

Horas antes de que a pelota comece a rodar no Burela-Poio, Viaxes Amarelle, ás 16, recibe na Sagrada Familia a visita dun durísimo rival, AE Les Corts, que precede a escuadra herculina en seis puntos.

Maior, se cabe, é a diferenza entre STV Roldán e Marín Futsal (sábado, 18 horas). A pesar de que as murcianas, rivais nas semifinais da inminente Supercopa do Poio Pescamar, non están no seu mellor momento, tampouco son días de viño e rosas para unha formación marinense que ocupa o penúltimo posto na clasificación.

E, aínda que un tanto opacado polo Burela-Poio, Ourense e O Castro protagonizan outro interesante derbi galego, no seu caso ás 17 horas no Pazo dos Deportes Paco Paz da Cidade das Burgas.

Comentarios