Burela-Poio, posíbel final galega na Supercopa de fútbol sala

O sorteo evita o cruce entre ambos os equipos da Galiza.
As laranxas xogarán unha final anticipada co Navalcarnero. (Foto: RFEF).
photo_camera As laranxas xogarán unha final anticipada co Navalcarnero. (Foto: RFEF).

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) levou a cabo esta terza feira o sorteo da edición de 2024 da Supercopa de fútbol sala. No mesmo eran parte interesada dous equipos da Galiza: Burela -na súa condición de campión de Liga- e Poio, como subcampión da tempada regular.

A sorte quixo que non colidan en ningunha das semifinais, polo que a posibilidade de reeditar a final de 2021 fica aberta se as da Mariña son quen de eliminar o Futsi Atlético Navalcarnero -campión na primeira fase ligueira- e as da comarca de Pontevedra fan o propio co STV Roldán de Murcia, subcampión da Copa da Raíña.

Os dous partidos terán lugar na mesma data, o sábado 3 de febreiro, no Pazo San Miguel de Torremolinos (Málaga) nun horario aínda por confirmar e, de conseguir o boleto para a finalísima, enfrontaríanse ao día seguinte, o domingo 4 de febreiro.

Aínda que ambas eliminatorias están moi abertas, a máis interesante sobre o papel é a de Burela e Navalcarnero, por tratarse das dúas escuadras que dominan con puño de ferro o fútbol sala estatal desde hai máis dunha década.

Esto queda demostrado polo dato de que levan 11 anos consecutivos sen permitir que ningún outro conxunto inscriba o seu nome no palmarés.

Comentarios