Fútbol sala

Burela, Poio, Amarelle e Marín van hoxe pola final da Copa da Galiza

Os catro equipos de futsal feminino disputan as semifinais.
Poio, vixente campión da Copa da Galiza. (Foto: FGFS)
photo_camera Poio, vixente campión da Copa da Galiza. (Foto: FGFS)

Pescados Rubén Burela contra Poio Pescamar e Viaxes Amarelle FSF fronte ao Marín Futsal son os partidos que darán acceso á final da Copa da Galiza de fútbol sala feminino que se disputará, un ano máis, o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. As semifinais da Copa xóganse a partido único hoxe, 22 de febreiro. Os emparellamentos decidíronse por sorteo a finais de 2022.

Após lograr o título na pasada campaña, o terceiro nas vitrinas vermellas, na actual tempada o Poio Pescamar estreábase nesta edición da Copa con vitoria ante o CD Mosteiro Bembrive da Segunda División, no partido xogado logo de ser adiado na súa data inicial de setembro cun resultado de 0-5.

Clasificacións

Pola súa parte, o Burela pasa á semifinal após vencer na rolda de cuartos de final o Coruña FS (2-10) no Pavillón de Novo Mesoiro da cidade herculina.

As laranxas do Viaxes Amarelle FSF acadaban a clasificación logo dun disputado encontro vencendo o Ourense Envialia FS na quenda de penaltis (5-4). Coruñesas e ourensás tiñan empatado 1-1 no tempo de xogo.

Pola súa parte, o Marín Futsal venceu en cuartos o FSF Castro cun marcador de 2-3 no Pavillón de Castro Ribeiras de Lea.

Os mellores

Estes catro equipos conforman o groso da representación galega na máxima categoría do fútbol sala a nivel de Estado, canda o Ourense. Nesa clasificación, na que participan 16 clubs, o Poio vai en segunda posición, seguido do Burela (3ª), mentres que Ourense vai de oitavo, Marín ocupa a décima posición e Amerelle está de décimo primeiro.

O vixente campión da Copa da Galiza é o Poio Pescamar. O conxunto conserveiro venceu o Ourense Envialia na quenda de penaltis e conquistou en Marín por terceira vez este trofeo.

O Pescados Rubén de Burela chega a esta cita como favorita, após gañar en xaneiro, por quinta vez, a Supecopa do estado español.

Comentarios