PREVIA DO BALONCESTO | O Breogán visita Manresa cos 'play-off' no punto de mira

Obradoiro viaxa a Granada e Durán Maquinaria Ensino a Tenerife
As xogadoras laranxas non contarán co apoio do público do Pazo por xogar fóra da casa (Foto: Ensino Lugo).
photo_camera As xogadoras laranxas non contarán co apoio do público do Pazo por xogar fóra da casa (Foto: Ensino Lugo).

Chegou a hora de sacarlle o po aos transistores, cambiar as pilas e comprobar se aínda funcionan, porque o baloncesto promete deparar hoxe unha xornada de inconfundíbel aroma vintage na que ambos os representantes da Galiza na Liga ACB (Breogán e Obradoiro) saltarán á pista ao mesmo tempo (18 horas), e a única escuadra do país na máxima categoría feminina, Durán Maquinaria Ensino, fará o propio un pouco despois, ás 20 horas.

O Breogán encara a sexta xornada de competición coa intención de seguir na pelexa dos postos que dan acceso a disputar a Copa, para o que terá que pasar por enriba do penúltimo clasificado, un Baxi Manresa que sumou tan só un triunfo nos cinco encontros que leva xogados.

O técnico celeste, Veljko Mršić, sinalou antes do choque que os seus homes "atópanse ben", con excepción do mancado Lukovic. O croata explicou que a do Manresa é "unha pista moi difícil", na que terán "que estar moi ben para gañar" a unha escuadra catalá "moi atlética, ben adestrada, e que ten unha necesidade de vitoria moi importante neste momento".

Tampouco lanza as campás ao voo o seu homólogo no Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, que afronta xunto cos seus pupilos un desprazamento até Andalucía para desafiar o Covirán Granada, que con tres triunfos supera en un os da capital.

"Son un bo equipo. Desde fóra o que fixeron lémbrame un pouco ao que fixemos aquí, mantendo un bloque importante desde que subiron da LEB e engadindo reforzos chave en todos os postos", debullou o adestrador do actual décimo terceiro clasificado da Liga ACB, engadindo que a súa maior preocupación son "as perdas de balón, sobre todo as que son evitábeis, como as que son froito do descoñecemento ou por falta de pericia".

Oportunidade de ouro para Durán Maquinaria Ensino

As xogadoras lucenses teñen hoxe unha oportunidade de ouro de sumar un novo triunfo á súa conta particular, o primeiro fóra da casa, a costa dun deprimido Tenerife que só gañou un partido no que vai de campaña. 

Antonio Pernas, preparador do Ensino, vaticinou "un choque moi disputado, pois teñen moita calidade individual e as mesmas urxencias que nós". 

Comentarios