Fútbol

O 'Boxing Day' máis galego regresa á súa cita anual coa explosión de talento de Bajčetić na memoria

Hai hoxe un ano, un novísimo vigués de nome Stefan e de apelidos Bajčetić Maquieira puña patas arriba co seu xogo a competición futbolística máis importante do planeta na súa xornada máis especial, o 'Boxing Day', unha tradición de Nadal propia das Illas Británicas que se remonta máis de 150 anos no tempo.
O galego Stefan Bajcetic (de verde, perforando a meta do Aston Villa) foi, con apenas 18 anos, a gran sensación do último 'Boxing Day'. (Foto: Europa Press)
photo_camera O galego Stefan Bajcetic (de verde, perforando a meta do Aston Villa) foi, con apenas 18 anos, a gran sensación do último 'Boxing Day'. (Foto: Europa Press)

O Nadal non é unha época profusa en competicións deportivas nin na Galiza nin non Estado español, e o fútbol profesional semella especialmente alérxico a estas datas. Isto significa que para volver ver en acción o seu equipo os seareiros e seareiras do Celta deberán agardar até o 3 de xaneiro de 2024, mentres que as dos conxuntos que militan na Segunda (Rácing de Ferrol) ou a terceira categoría (Deportivo da Coruña, Arenteiro, Lugo e Celta Fortuna) deberán ser aínda máis pacientes, pois non haberá partidos até a fin de semana do 13 de xaneiro.

Esta parada competitiva impide que se reproduzan por estas latitudes escenas que son tradicionais noutros países do continente europeo, onde a afección, e en especial as crianzas, toman ao asalto as bancadas dos estadios aproveitando o fechamento temporal das escolas para converter os sempre grises coliseos futbolísticos en auténticas festas con, como non pode ser doutro modo, as cores vermella e branca como grandes protagonistas.

Inglaterra, o país onde naceu o fútbol e o que conta co campionato máis poderoso, é onde ten lugar o caso máis paradigmático co Boxing Day, que se repite todos os 26 de decembro desde hai máis de centuria e media. De feito, tal día como hoxe, pero en 1860, o Sheffield e o Hallam disputaban sobre o verde de Sandygate Road o primeiro partido na historia da disciplina, tres anos antes de que a Football Association promulgase as Laws of the Game, un código de 13 normas que sería vital para a posterior estandarización e expansión do fútbol.

Transcorridas case tres décadas desde ese Sheffield-Hallam tivo lugar o primeiro Boxing Day oficial baixo o abeiro da recentemente creada Football League, collendo a remuda en 1888 o West Bromwich Albion-Preston North End e o Derby County-Bolton Wanderers, formando parte a data do torneo inglés en case todas as súas edicións, coas excepcións das interrupcións a causa da Primeira e a Segunda Guerra Mundial e dun desprazamento dos partidos ao día 27 de decembro durante os anos 1897, 1909, 1920, 1926, 1937, 1948, 1954, 1965, 1971, 1976 e 1982.

Neste Boxing Day de 2023, os partidos que se disputarán serán o Newcastle-Nottingham Forest  (13.30), Bournemouth-Fulham  e Sheffield United-Luton Town (ambos ás 16), Burley-Liverpool (18.30 horas) e Manchester United-Aston Villa (21 horas).

A dúbida está en saber se, tal e como aconteceu en 2022, os xogadores galegos volverán causar impacto no día máis especial do fútbol inglés, pois hai hoxe un ano o novísimo vigués Stefan Bajčetić Maquieira, no que era o seu terceiro encontro co primeiro equipo do Liverpool, anotou o terceiro e definitivo tanto dos Reds para sentenciar o choque ante o Aston Villa (1-3).

Porén, o fillo do ex xogador do Celta Srđan Bajčetić non acaba de recuperarse por completo dunha lesión que sufriu en marzo e a súa participación no Boxing Day -no momento de escribir estas liñas Jürgen Klopp aínda non facilitara a súa convocatoria- semella practicamente descartada, polo que a representación da Galiza depende do futbolista dos Wolves Hugo Bueno.

O cambio de paradigma da pegada galega na Premier League: o tempo das promesas

A transformación da Premier determinou a evolución do tipo de xogador galego que fai as maletas para xogar alí, pois se agora son promesas como Bajčetić e, hai poucos anos, nomes contrastados como Aspas (no centro) ou Lucas Pérez (abaixo, á dereita), antes eran veteranos como Salgado (abaixo á esquerda) ou Oubiña (arriba á dereita) os que atopaban refuxio nas Illas.

Comentarios