O básquet busca árbitras e árbitros na universidade

Federación Galega e USC unen forzas para captar novas colexiadas e colexiados.
Irene Ferreras dirixe o Deportivo desde 2022. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Irene Ferreras dirixe o Deportivo desde 2022. (Foto: RC Deportivo).

A arbitraxe é unha tarefa tan imprescindíbel como ingrata en todas as disciplinas deportivas.  Nunca protagonistas, ou, canto menos, non cando están impecábeis no desempeño das súas funcións, xa sexa nas categorías da base ou na elite os e as árbitras están sometidas a unha gran presión que afasta potenciais candidatas a exercela.

Por todo iso, e co obxectivo común de ensanchar a base de colexiados e colexiadas, a Federación Galega de Baloncesto (FGB) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) formarán o alumnado da institución capitalina en materia de arbitraxe federada no básquet a través dun curso de iniciación que abriu onte o seu prazo de inscrición e que permanecerá aberto até o próximo día 30 de outubro, segunda feira.

"A través do curso o alumnado entrará en contacto coas bases do traballo da arbitraxe e coas regras de xogo, a mecánica, sinalización e funcións específicas das persoas oficiais de mesa, así como na dinámica do Comité de árbitros e os seus integrantes", explican desde a FGB.

Unha vez que superen esta formación de 62 horas de duración, o estudantado -que recibirá dous créditos ECTS- poderá incorporarse ao Comité Galego de Árbitros de Baloncesto na súa zona xeográfica correspondente, continuando coa dinámica formativa e deportiva.

A maiores, logo do período de inscrición para o alumnado da USC, ficará aberta unha segunda quenda para o conxunto da cidadanía, que se estenderá do 31 de outubro ao 3 de novembro.

Con respecto ao profesorado, este estará composto por profesionais da arbitraxe e oficiais de mesa "con ampla traxectoria e ligazón co Comité Galego de Árbitros de Baloncesto, a Federación Española de Baloncesto, a Liga ACB e Federación Internacional de Baloncesto", indican desde a FGB, quen apostila que os e as alumnas recibirán unha parte teórica en liña que se impartirá os días 6, 7 e 8 de novembro de 17 a 21 horas, e outra presencial os días 12 e 14 de novembro.

Ademais, tamén participarán nunhas prácticas "remuneradas" como árbitros e oficiais de mesa en partidos organizados pola Federación Galega.

Comentarios