A Liga Galega de Baloncesto de Veteranas, cada vez máis cerca

A Federación fecha mañá o prazo de inscrición.
Equipo feminino de veteranas Golden Cup Santiago que participou na homenaxe á xogadora Mercè Morros o pasado 22 de abril (Foto: Nós Diario).
photo_camera Equipo feminino de veteranas Golden Cup Santiago que participou na homenaxe á xogadora Mercè Morros o pasado 22 de abril. (Foto: Nós Diario).

Esta sexta feira, día 20 de outubro, finaliza oficialmente o prazo de inscrición que a Federación Galega de Baloncesto (FGB) abriu para que quen así o desexe participe nunha competición pioneira, unha Liga de Veteranas que disputará a súa primeira edición na presente tempada.

Cun formato de xogo baixo concentración bimensual -é dicir, con todos os partidos xuntos nunha serie de datas que, "dependendo da dispoñibilidade dos pavillóns", en principio serían o 1 de novembro, 17 de decembro, 28 de xaneiro, 25 de febreiro, 24 de abril e 23 de xuño- e, xa que logo, co debut marcado para o mes de novembro, desde a FGB apuntan que este proxecto naceu da "ilusión" e as "ganas de marcar un camiño" para todas aquelas mulleres veteranas que desexen "comprometerse con ese reto".

Unha das súas participantes será María Jesús, 'Chus' Seoane, ex xogadora do Club Baloncesto Cluny de Santiago de Compostela e actual integrante das Golden CAB, unha formación que agrupa antigas membros de diferentes formacións da capital galega.

Para ela, este torneo que está a piques de comezar supón un "aliciente", xa que lle ofrece a mulleres como ela "cobertura de organización, de seguro e arbitral" para continuar gozando dun deporte do que ela e máis as súas compañeiras seguen estando "namoradas".

Non obstante, máis alá dos condicionantes estritamente deportivos e físicos, Chus Seoane ten clara a motivación que lles supón dar este salto á competición oficial: "Dar unha lección de vida para as nosas fillas, ser un exemplo de superación".

Os "valores do baloncesto" e a firme intención de non poñerse "límites nin trabas" son o motor dun proxecto que, apostila, ten como obxectivo tamén "compartir" con antigas rivais e compañeiras a súa paixón.

Comentarios