De la Barrera acapara todos os focos no Deportivo

Co Celta e o Lugo sen partidos programados esta fin de semana, todo o protagonismo recae nos conxuntos galegos da Segunda División B, en especial nun Deportivo que estrea adestrador após cesar Fernando Vázquez, así como no derbi que disputarán en Pasarón dous equipos que necesitan gañar: Pontevedra e Rácing Clube de Ferrol.
A intensidade foi a característica principal dos primeiros adestramentos dirixidos por Rubén de la Barrera. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A intensidade foi a característica principal dos primeiros adestramentos dirixidos por Rubén de la Barrera. (Foto: RC Deportivo).

O fútbol, como a vida, dá moitas voltas. Hai tan só mes e medio Fernando Vázquez tiña o Deportivo como líder invicto do seu grupo na Segunda División B, mentres que Rubén De la Barrera saía pola porta traseira do Viitorul rumano e hoxe este ocupa o cargo do de Castrofeito, que se despediu oficialmente do Dépor nunha rolda de prensa na que cargou duramente contra a directiva branquiazul.

Vázquez, que recoñeceu ser "deportivista desde neno", afirmou "respectar" a decisión do consello de administración, pero criticou non ter recibido no seu momento "un ultimatum que, quizais, me permitise ter actuado de forma diferente ante o Zamora". 

Tamén dixo sentirse ignorado "para achegar a miña visión de política deportiva e de canteira, porque nunca me preguntaban", e revelou que "os maiores obstáculos" que atopou durante esta segunda etapa como adestrador do Deportivo "non estaban no exterior, senón dentro do clube, unhas cousas incomprensíbeis que me parecen súper graves e, polo ben do propio equipo, agardo que as resolvan tanto o presidente como Abanca". 

Mentres falaba o xa ex técnico branquiazul, os seus antigos pupilos preparábanse para afrontar, xa ás ordes de Rubén De la Barrera, o compromiso do domingo ás 16 horas contra o Salamanca, actual fechacancelas da categoría.

Non obstante, o preparador coruñés non se fía dun rival "que tamén vén de cambiar de adestrador, polo que agardo por un equipo totalmente distinto do que foron até o de agora, defensivamente máis comprometido e que pretenderá incomodarnos todo o posíbel".

De la Barrera terá ante os charros a oportunidade de ofrecer a primeira mostra do que será o 'seu' Dépor, un equipo aínda lastrado polas baixas pero que, a diferenza do que acontecía con Vázquez, apostará tacticamente por unha defensa de catro homes e unha serie de variantes ofensivas no centro do campo e no ataque que farán que o debuxo varíe organicamente entre o 4-2-3-1 e o 4-3-3.

A posesión da pelota é outra das características fundamentais na concepción futbolística de De la Barrera, aínda que, como el adoita apostilar, sempre "para buscar o maior número de ocasións e superar presións, non para pasala por pasala". 

Derbi de necesidades entre Pontevedra e Rácing

Tamén o domingo, aínda que ás 17 horas, Pontevedra e Rácing de Ferrol disputarán o único derbi galego da xornada. Ambos os equipos eran firmes candidatos ao ascenso no comezo da tempada, pero na actualidade ocupan, respectivamente, a quinta e a sexta posición na táboa, polo que o equipo que resulte perdedor deste duelo podería dicir adeus definitivamente a toda aspiración de xogar o vindeiro ano na Segunda División.

Pola súa banda, a Sociedade Deportiva Compostela recibe no Vero Boquete mañá ás 16.30 horas o Unionistas, sorprendente líder do grupo. Os da capital, que non puideron xogar o seu partido da pasada semana por culpa da borrasca Filomena, teñen todos os seus xogadores dispoñíbeis para afrontar un choque ante un rival "máis feito, moito máis sólido, e, sobre todo, con máis confianza", como recoñeceu o adestrador do Compostela, Yago Iglesias.

A 400 quilómetros de alí, concretamente no Ruta de la Plata de Zamora disputará o seu partido o Coruxo, previsto para as 17.30 horas de mañá. Os de Vigo necesitan os tres puntos para afastarse definitivamente da zona baixa da táboa, nun encontro no que non poderán contar con Martín, lesionado no xeonllo. 

O último choque con presenza galega é o Celta B-Guijuelo, que no momento de fechamento desta edición estaba a piques de ser cancelado polos positivos detectados no rival do filial celeste.

Comentarios