Baloncesto é liberdade no campo de refuxiadas

Mulleres e nenas de Chatila, no Líbano, empregan o deporte da canastra como vía de escape.
O profesor da USC e fanático do básquet, Adrián Dios (segundo pola esquerda na fila superior), acaba de regresar á Galiza desde o Líbano. (Foto: Adrián Dios).
photo_camera O profesor da USC e fanático do básquet, Adrián Dios (segundo pola esquerda na fila superior), acaba de regresar á Galiza desde o Líbano. (Foto: Adrián Dios)

Se as imaxes das masacres de miles de persoas palestinas nos campos de refuxiados de Sabra e Chatila en 1982, no marco da guerra civil que golpeou o Líbano durante 15 anos, aínda permanecen visíbeis nas mentes das persoas que as contemplaron desde a seguridade dos seus fogares a través da pequena pantalla, como o tería que pasar o por aquel entón pequeno Majdi Majzoub, nado hai 48 anos no propio campo de Chatila?

Fundado en 1949, logo da Nakba, o exilio de 800.000 palestinos e palestinas logo da creación do Estado de Israel, alí xa é posíbel atopar "refuxiadas de cuarta xeración". Son palabras de Adrián Dios, un galego profesor na USC e membro da Agrupación Deportiva de Baloncesto Fontiñas, quen acaba de regresar do Líbano, onde acudiu inicialmente para participar nun proxecto académico da Unión Europea na capital, Beirut, pero axiña acabou involucrado co proxecto socio-deportivo creado e dirixido por Majdi Majzoub.  

Denominado Basket beats borders -"O baloncesto derruba fronteiras-, desde hai 10 anos afonda na integración e o desenvolvemento persoal das mulleres e nenas de Chatila a través do deporte do baloncesto, unha iniciativa que fascinou o profesor Dios, un auténtico namorado do deporte da canastra.

Adrián Dios e Majdi Majzoub
Adrián Dios e Majdi Majzoub

"Atopei unha reportaxe sobre o proxecto na rede e pareceume particularmente importante", explica Adrián Dios, que engade que Majdi Majzoub "realmente é adestrador de fútbol, polo que a pesar de desenvolver a iniciativa no marco do baloncesto porque detectou que era o que lle gustaba ás rapazas, tiña unha serie de déficit a nivel de coñecementos específicos de baloncesto, por iso para elas sempre resulta súper produtivo poder contar con xente con experiencia que lles axude a mellorar desde o punto de vista estritamente deportivo".

Luz entre as sombras

A situación política e económica no Líbano é catastrófica desde 2019. A maiores da devastadora explosión que deu a volta ao mundo no verán de 2020 e que matou 217 persoas e feriu 7.000, "vive inmerso nunha crise que levou o Goberno a suspender pagos, que á súa vez conduciu a unha crise enerxética brutal, con cortes de electricidade de máis de 12 horas ao día, unha perda do valor da moeda superior a 90% en só tres anos e á práctica hiperinflación, un escenario terrorífico", aclara Dios.

"Por iso son tan importantes actuacións como a de Basket beats borders, pois representa unha vía de escape única que mellora o día a día de mulleres de entre 20 e 22 anos, que son as membros do equipo orixinal, así como doutras máis novas de 9 a 13 anos", apostila o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que define a todas esas refuxiadas como "persoas marabillosas". 

Non obstante, as durísimas circunstancias do país e do campo de Chatila pasa factura, polo que "as pequenas adestran dentro do propio campo, nunhas condicións moi precarias", mentres que as máis maiores "practican nunha pista fóra do campo, pero sempre pedindo permiso para que lles deixen adestrar, o que non mingua "a ilusión, as ganas de aprender, de mellorar deportivamente" dunhas mulleres que "non só están aí para pasar o rato coas amigas, queren ser xogadoras de baloncesto".

'Basket beats borders' busca financiamento na rede para poder viaxar até Madrid 

A Federación de Baloncesto do Líbano só permite que as xogadoras do proxecto Basket beats borders disputen partidos amigábeis, non poden xogar oficialmente. Esta limitación tratan de superala con puntuais saídas deportivas ao estranxeiro que no pasado xa as levaron até Italia ou Euskadi. Agora, pretenden desprazarse até Madrid, para o que piden axuda para recadar fondos a través da plataforma GoFundMe. A día de hoxe xa superaron a barreira do ecuador dos 4.000 euros que precisan.

Comentarios