O atletismo galego mobilízase para axudar economicamente Gustavo Dacal

O ex lanzador está ingresado nun hospital mexicano.
Dacal, cando estaba en activo. (Foto: SXP).
photo_camera Dacal, cando estaba en activo. (Foto: SXP).

O ex atleta galego Gustavo Dacal, que ao longo da súa traxectoria deportiva acumulou numerosos títulos e plusmarcas, como o récord de España de lanzamento de xavelina -que ostentou entre os anos 2003 e 2018- ou 10 títulos de campión Estatal, así como participacións en probas do nivel do Campionato de Europa, o Mundial de Atletismo ou os Xogos do Mediterráneo, continúa vivindo unha dramática situación desde que se contaxiara de dengue o pasado mes de decembro de 2022. 

Residente en México desde 2012, onde traballaba como adestrador, unha picada dun mosquito no país azteca transmitiulle unha doenza que, lonxe de mellorar co devir das semanas, complicóuselle até o punto de provocarlle unha espondilodiscite.

O certame a prol de Dacal terá lugar en Pontevedra o 22 de xaneiro

Trátase dunha forte infección da columna vertebral que o mantén ingresado nun hospital público da localidade de Veracruz -situada na costa atlántica- e que podería afectar á mobilidade dos membros inferiores do de Pontecaldelas.

Para tratar de axudalo, a Federación Galega de Atletismo (FGA), en colaboración coa Sociedade Ximnástica de Pontevedra (SXP), organizará unha proba solidaria que denominou "Axudemos a Gustavo Dacal".

Esta última entidade coroou a pasada fin de semana Isabel Celeiro como campioa galega feminina Sub-20 nun Campionato Xunta da Galiza que nos homes gañou Víctor Sambade (Triki Team) e na categoría absoluta conquistaron, facendo bos os prognósticos, Laura Santos (Praias de Castellón) e Esteban Iglesias (Lucus Caixa Rural Galega).

O certame a prol de Dacal terá lugar o próximo 22 de xaneiro en Pontevedra, cun calendario de probas que incluirá carreiras de medio fondo, fondo, discos e xavelina. Por suposto, toda a recadación -ademais da 'Fila 0'- irá integramente ao necesitado campión galego.

Comentarios