O Atlético Guardés, a asaltar os ceos copeiros do balonmán

As galegas queren gañar a primeira Copa da Raíña da súa historia
As da Guarda venceron nos seus dous últimos enfrontamentos. (Foto: Rocasa Gran Canaria).
photo_camera O traballo contra os elementos do Guardés tivo froito nun valioso punto final (Foto: Rocasa Gran Canaria).

Valencianos (22), vascos (6), navarros (3), canarios (2), cataláns (1), andaluces (1) e asturianos (1) monopolizan o palmarés da Copa da Raíña de balonmán, unha competición que se disputa ininterrompidamente desde o ano 1980 e na que até o de agora nunca se impuxo ningún equipo galego. Xa vai sendo hora, non?

O Atlético Guardés aspira a por fin neste 2022 a esa histórica seca que supera xa os 40 anos nunha nova edición do torneo do KO, que se disputará desde o día de hoxe e até o próximo domingo, 1 de maio, no impresionante Donostia Arena da capital guipuscoana, con capacidade para 11.000 espectadoras.

O debut da formación do sur do país -que participou en oito das últimas edicións da Copa da Raíña, sendo incapaz de alcanzar a gran final en ningunha delas- está previsto ás 18.15 horas da tarde de hoxe ante KH-7 Granollers, nun encontro correspondente á rolda de cuartos de final que será retransmitira ao vivo pola aplicación RTVE Play. 

No hipotético caso de superar este duelo inicial ante o equipo catalá, o Atlético Guardés volvería entrar en acción ás 18.30 horas de mañá para loitar por un posto na finalísima co vencedor do Caixa Rural Aula Valladolid-Super Amara Bera Bera, con claro favoritismo para este último, pois domina con puño de ferro a Liga Guerreiras, onde suma 20 triunfos, un empate e unha única derrota en 22 encontros disputados, ao que habería que engadir o pulo extra que supón a súa condición de local.

Con todo, para botar a correr primeiro hai que andar, e o Granollers será un rival duro de pelar nos cuartos de final. Na Liga, o Guardés impúxose no partido de ida (26-24), pero no de volta, disputado o pasado mes de marzo, perdeu 29-26 coa escuadra do Vallès Oriental.  

Nese choque fixeron alarde das súas mellores virtudes, un estilo dinámico e atrevido no que o xogo colectivo non fagocita as individualidades de xogadoras do nivel de Ona Veguè, Nicole Wiggins, Giulia Guareiro ou Carmen Prelchi, pivote viguesa que regresará á súa terra para militar no Porriño a próxima tempada unha vez que finalice o presente exercicio.

Sen Sandra Santiago, pero con Paula Arcos

O Atlético Guardés terá unha baixa de primeira orde, Sandra Santiago, mancada no seu ombreiro esquerdo durante o partido internacional que protagonizaron os combinados de Portugal e Hungría a semana pasada. Porén, estará pulando polas súas compañeiras en Donostia, do mesmo modo que a tamén lesionada Hannah Nunes. 

Quen estará en perfectas condicións é Paula Arcos, seleccionada pola Real Fedración Española de Balonmán como unha das principais estrelas do torneo. Con só 20 anos, a petrerí liderará a parcela ofensiva das do sur do país.

O seu técnico, José Ignacio Prades -que non continuará no banco do Guardés após rematar a campaña-, manifestou antes do comezo da competición que quere despedirse da Galiza cun título: "Todo se iguala moito na Copa, polo que imos pór toda a carne na grella". "Estamos nun bo momento, preparadas para facer un bo torneo, chegando o máis lonxe posíbel", concluíu.

Comentarios