Arxentina e Croacia chocan esta terza feira por un posto na final do Mundial

O outro aspirante sairá do Francia-Marrocos
Croacia quere eliminar outro gran favorito na Copa do Mundo. (Foto: Europa Press).
photo_camera Croacia quere eliminar outro gran favorito na Copa do Mundo. (Foto: Europa Press).

Vai chegando á súa fin unha Copa do Mundo de fútbol rodeada de polémicas e escándalos dos máis diversos tipos desde o mesmo momento da súa concesión a Qatar. No referente ao eido exclusivamente futbolístico, será lembrada como un dos campionatos mundiais máis insulsos de todos os tempos.

O primeiro dos últimos catro partidos do torneo -as dúas semifinais, o partido para dirimir quen ocupará o terceiro e o cuarto posto e a finalísima- enfrontará esta terza feira ás 20 horas da Galiza no Lusail Iconic Stadium as seleccións de Arxentina e Croacia.

Toda a presión recae sobre os ombreiros albicelestes, grandes favoritos por historia -acumula dous títulos e un total de cinco participacións en finais, aínda que perdeu as dúas últimas, en 1990 e 2014- e star power, como dirían na NBA, encabezado por un Messi cualificado de crepuscular antes da Copa do Mundo, pero que no Emirato está exhibindo un nivel próximo ao da súa mellor versión.

O seu técnico, o ex futbolista do Deportivo Lionel Scaloni, destacou que os tocados Rodrigo de Paul e Ángel Di María chegarán a tempo, aínda que dubida de "canto poderán xogar". Tendo iso en conta, a albiceleste podería formar co 'Dibu' Martínez na portería; Molina, Romero, Otamendi, Tagliafico; De Paul, Enzo Fernández, Mac Allister; Messi, Julián Alvarez e Di María.

Croacia , pola súa parte, volve entregar o favoritismo ao seu rival, como xa fixera nos cuartos de final ante un Brasil que chegaba á eliminatoria como gran favorito pero que caeu ante a extrema competitividade dun combinado arlequinado liderado polo veteranísimo Luka Modrić, que desexa resarcirse da dolorosa derrota ante Francia na final do pasado Mundial.

Zlatko Dalić, adestrador do madridista e do resto dos seus compañeiros, declarou na rolda de prensa previa ao partido que "toda a presión" está no lado Arxentino, pois os seus homes tan só teñen a esixencia "de deixarse a pel para intentar alcanzar a final". Ademais, mostrouse consciente de que haberá maioría arxentina nas bancadas. "É certo que haberá moitos máis afeccionados arxentinos e iso é un obstáculo para nós, pero non temos que pensar niso. 

Con respecto aos seus elixidos, os que teñen máis opcións son Livakovic; Juranovic, Lovrern, Gvardiol, Borna Sosa; Brozovic, Kovavic, Modric; Petkovic, Kramaric e Perisic.

Comentarios