domingo 17/01/21

Arrimadas quere prohibir que ‘A Irmandiña’ compita oficialmente

Ciudadanos leva ao Congreso unha proposición para que as seleccións de fútbol ‘autonómicas’ non poidan xogar partidos oficiais contra seleccións doutros países. Algo que xa non poden facer.

'A Irmandiña' no encontro de 2016 contra Venezuela (Foto: Federación Galega de Fútbol)
'A Irmandiña' no encontro de 2016 contra Venezuela (Foto: Federación Galega de Fútbol)

As seleccións de fútbol de Galiza, Euskal Herria e Catalunya non poden xogar competicións oficiais. De feito, nos tres países hai plataforma populares que pulan porque se lles recoñeza o dereito a poder facelo. Que ‘A Irmandiña’ poida estar nunha Eurocopa ou Mundial, dereito que teñen Xibraltar, Gales, Escocia ou as Illas Feroe, entre outras.

Mais Inés Arrimadas quere prohibir o que xa está prohibido. Quere que a selección galega e as outras seleccións ‘rexionais’ non poidan competir nin oficialmente nin internacionalmente.

Ciudadanos impulsa unha proposición non de lei no Congreso para que sexa a selección española, e só ela, quen no Estado poida competir a ese nivel. Como acontece agora, vaia.

"Defendemos á Selección española, a única que nos representa a todos”, afirmou a líder de Cs

“Defendemos o que é de sentido común, que é que a selección nacional é a que representa España a nivel nacional. Defendemos á Selección, a única que nos representa a todos”, dixo.

“Imos rexistrar unha proposta no Congreso para defendela”, proseguiu.

Cs dá este paso despois de que desde a Federación Vasca de Fútbol se falase da posibilidade de impulsar iniciativas para que a selección galega poida competir en FIFA e UEFA.

Segundo medios madrileños, a intención de Arrimadas é que ao Congreso asistan ex futbolistas, nomean Iker Casillas e Fernando Torres, para defender a iniciativa.

comentarios