O Goberno non limitará o número de mandatos nas federacións deportivas

Aprobada a orde que guiará as eleccións aos entes federativos deportivos.
O galego Alejandro Blanco é o presidente do COE (Foto: EP).
photo_camera O galego Alejandro Blanco é o presidente do COE (Foto: EP).

O ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes vén de aprobar a orde que regulará os procesos electorais das federacións deportivas estatais, un texto que será publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) "nos próximos días", segundo apuntaron desde o Consello Superior de Deportes (CSD).

Tras recibir o informe preceptivo do Tribunal Administrativo do Deporte, "o texto aprobado introduce as oportunas modificacións ao articulado da anterior orde, que databa de 2015, e impulsa cambios nos procesos de elección dos órganos de goberno das federacións deportivas", engadiron.

"Desta modo, promóvese un incremento na representación de mulleres nas Asembleas Xerais, co obxectivo de que chegue a haber unha maior representación feminina nos estamentos de deportistas, adestradores e árbitros. Así mesmo, contempla a actual existencia de dúas ligas profesionais, masculina e feminina, nunha mesma federación", explica o CSD.

Por outra parte, outra das súas intencións e incentivar a "democratización e o bo goberno", impedíndose de maneira expresa que sexan candidatos ou candidatas á Asemblea Xeral e á presidencia das federacións deportivas "quen incorra en causas de incapacidade, incompatibilidade, inelixibilidade ou fosen condenados por sentenza firme polos órganos disciplinarios das federacións ou por tribunais deportivos nacionais ou internacionais".

Non obstante, non marca ningunha limitación no número de mandatos, cousa que si pretendía -a dous consecutivos ou tres alternos- no anteproxecto e que eliminou do texto final ante a oposición do propio CSD.

Comentarios