O novo convenio colectivo do baloncesto feminino eleva os salarios... até os 16.000 euros brutos.

A sinatura do acordo tivo lugar onte na sede do CSD.
Novo convenio no baloncesto feminino, (Foto: Europa Press).
photo_camera Novo convenio no baloncesto feminino, (Foto: Europa Press).

A Asociación de Clubs da Liga Feminina Endesa e a Asociación de Xogadoras de Baloncesto (AXB) asinaron na sede do Consello Superior de Deportes (CSD) o acordo sobre o contido do convenio colectivo da máxima categoría feminina, "un paso claro cara a mellora das condicións laborais das deportistas", anunciando ademais o comezo dos trámites legais para o seu rexistro.

No acto da firma estiveron Pilar Alegría, nova ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes; Lucila Pascua, presidenta da AXB; Carmen Muguruza, a súa homóloga na patronal; Elisa Aguilar, máxima responsábel da Federación Española de Baloncesto (FEB); e  o líder do CSD, Víctor Francos.

"O marco xeral busca garantir un salario mínimo a todas as xogadoras durante todo o que dura a competición. Está acordado, e son 16.000 euros brutos nesta tempada", confirmou Muguruza logo de ser cuestionada sobre as cifras do acordo.

Por outra parte, Lucila Pascua manifestou que esta quinta feira foi un día "para agradecer a todas as persoas" que lles "apoiaron". "Puxemos a primeira pedra do camiño á igualdade real entre homes e mulleres no deporte. Esperemos que isto non sexa o final, senón un principio do traballo conxunto e oxalá estar xuntos sempre", subliñou.

Tampouco ocultou o seu optimismo a primeira muller en dirixir a Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar, quen asegurou que a sinatura do novo convenio colectivo representa "un fito transcendental" que vén mellorar un acordo que "xa tocaba mellorar" -databa de xaneiro de 2008 e decretaba un salario mínimo de 600 euros mensuais- e que abrirá "unha nova etapa aínda mellor no baloncesto feminino".

"O paso que demos é imprescindíbel, pero queremos a consolidación da liga española no deporte europeo. Desde a Federación non queremos ningún tipo de protagonismo, pero imos seguir traballando para que sigades orgullosas", recalcou a ex xogadora.

Finalmente, para o presidente do CSD o acordo "impulsa os clubs femininos co horizonte de garantir a vida das deportistas", cualificándoo de "valente, ambicioso, pero, sobre todo, xeneroso". "O deporte será feminino, ou nos vai ter enfronte, porque continúa sendo moi masculino", concluíu Víctor Francos.

Comentarios