mércores 23/09/20
Entrevistamos Adríán Ben

"Andrés Díaz díxome que lle facía moita ilusión que eu lle quitase o récord galego"

12 centésimas de segundo poden parecer unha medida de tempo menos que ínfima, pero no deporte do atletismo marcan a diferenza entre un ouro e unha prata. Que llo pregunten senón a Adrián Ben (Viveiro, 1998), sexto home máis rápido do mundo e recordman galego dos 800 metros desde hai só un par de semanas, e ao que que esas 12 miserentas centésimas separaron de subir ao máis alto do podio no Campionato de España de Pista Cuberta, que se desenvolveu en Ourense a pasada fin de semana.

A carreira de Ourense supuxo o peche da temporada de inverno para Adrián Ben. (Foto: Europa Press).
A carreira de Ourense supuxo o peche da temporada de inverno para Adrián Ben. (Foto: Europa Press).

Logo de rachar co récord galego de 800 metros, como se sentía antes da carreira?
Sabía que sería unha carreira difícil, un carreirón, con xente de moito nivel. Xa que logo, a miña estratexia pasaba por ser valente e intentar buscar unha boa marca, e grazas a Deus, mellor dito, a Deus, aos meus adestramentos e aos meus adestradores, puidemos facelo.

Está subindo paulatinamente o nivel dunha disciplina na que as mellores marcas na demarcación estatal datan, maioritariamente, da década pasada, e que no caso concreto da Galiza había que remontarse até 1995, cando o coruñés Andrés Díaz estabeleceu o récord galego?
Si, eu penso que pouco a pouco se vai incrementando o nivel, e que os máis mozos vimos apertando con forza. Queremos facernos un oco na categoría absoluta xa, tanto os sub 23 como os que foron sub 20 até hai pouco tempo, e penso que si, que pouco a pouco o que imos facendo e mellorarnos os uns aos outros.

Volvendo sobre o récord galego que conquistou o pasado 22 de febreiro, a marca tiña practicamente 25 anos, era un rexistro case prehistórico. Falou algo co anterior plusmarquista?
Si, de feito chamoume el para felicitarme (ri).

Tomouno ben?
Si, e iso demostra que non só é un grandísimo atleta, senón que tamén unha grandísima persoa. Dixo que lle facía moita ilusión que llo quitara eu, e para min que alguén como el me dedique esas palabras supón un aliciente para seguir adestrando duro. 

De feito vostede competiu en Ourense nos 800, mais non nos 1.500 metros, a súa outra disciplinas favorita. Cuestión de estratexia? 
Non. Eu atópome cómodo en ambas disciplinas, mais creo que nos 800 tiña máis oportunidades de gañar que no 1.500, porque me atopo un pouquiño máis confortábel. 

"Andrés Díaz díxome que lle facía moita ilusión que eu lle quitase o récord galego"
comentarios