Os Ancares

Investigan o atropelo, supostamente intencionado, dun organizador do Ancares Cycling Marathon que permanece grave na UCI

O acusado, un veciño de Cervantes, quixo cruzar unha estrada cortada para o paso do pelotón e, ante a súa negativa, un dos organizadores encarouse con el tentando impedir que avanzase e foi atropelado, levando un forte golpe na cabeza que o mantén ingresado na UCI do Hula en estado grave.
A proba reuniu este domingo máis de medio milleiro de espectadores. (Foto: Federación Galega de Ciclismo)
photo_camera A proba reuniu este domingo máis de medio milleiro de espectadores. (Foto: Federación Galega de Ciclismo)

A Garda Civil vén de abrir unha investigación para esclarecer o atropelo este domingo, supostamente intencionado, dun dos membros organizadores da proba ciclista Ancares Cycling Marathon, nunha estrada de Cervantes (Os Ancares). De acordo cos servizos de emerxencias, o suceso ocorreu contra as 12.30 horas do mediodía e a vítima resultou ferida de gravidade, polo que foi mobilizado o helicóptero medicalizado con base en Ourense para trasladalo ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA), onde permanece na UCI.

Fontes da Garda Civil citadas pola axencia Europa Press confirman que se investiga este atropelo e que "todas as hipóteses están abertas". Aínda non transcendeu oficialmente a detención do condutor do vehículo, se ben fontes da organización do evento aseguran que foi apresado in situ mentres os axentes redactaban o atestado.

Os feitos ocorreron nun cruzamento no que o condutor, a pesar da advertencia de Protección Civil, quería atravesar o cordón de seguridade e acceder co coche á estrada que, nese momento, estaba cortada porque ía pasar o pelotón.

Ante a negativa do condutor, a vítima —un dos organizadores da proba ciclista— saíu dun dos coches de seguridade para tentar impedir que cruzase. Foi nese momento cando o atropelou, tal e como relatan fontes da organización.

O home sufriu un forte golpe na cabeza e foi atendido nun primeiro momento polos servizos médicos da carreira e do centro de saúde de San Román, pero logo tivo que ser derivado en helicóptero ao HULA, onde permanece en estado grave na unidade de críticos, segundo precisan fontes sanitarias.

Resultados da proba

O primeiro clasificado do Gran Fondo foi David Mayo, tras 4 horas e 19 minutos sobre a bici, o segundo Iago Medín, cun tempo de 4 horas e 25 minutos, e o terceiro Ángel Maneiro, con 4 horas e 27 minutos de percorrido.

Entre as mulleres, a máis rápida foi Tuxa Fernández-Coronado, que fixo o percorrido completo en 5 horas 42 minutos. A seguinte foi Mónica Díaz, con 5 horas 44 minutos, e a terceira Estefanía Vega (5 horas e 47 minutos).

No medio fondo, o primeiro foi Javier Martínez, do club ciclista León, que entrou na meta tras 3 horas 41 minutos de carreira, seguido de Juan Luís López de Guereñu (3 horas 45 minutos) e Alberto González (3 horas 47 minutos).

Na clasificación feminina de medio fondo, a máis rápida foi Camila Rey (4 horas 12 minutos), seguida de Ana Senso (4 horas 38 minutos) e Mónica Campagna (4 horas 46 minutos).

Comentarios