O 'All Star' torna Pontedeume na capital galega do balonmán

A iniciativa trata de emular o espectáculo da NBA

Pontedeume torna na capital do balonmán galego este sábado 26 de decembro. Desde as 18.30 horas a Federación Galega de Balonmán (FGB) e o Concello levarán ao pavillón da Casqueira un espectáculo que acollerá as mellores xogadoras e xogadores da primeira categoría autonómica.

A organización tratará de realizar un evento que emule o famoso espectáculo americano da NBA coñecido como All Star, nun día no que, ademais de despedir un ano "cheo de dificultades", tratarán de "pór en valor as competicións galegas", así como recadar fondos e recoller alimentos e outro tipo de produtos a prol de Cáritas. 

Todas as persoas que asistan pode colaborar coa devandita entidade depositando comida non perecedoira na entrada do pavillón.

Ademais, tamén poden realizar a súa doazón directamente no número de conta de Cáritas Pontedeume: ES75 2080 0201 9030 0016 3221.

Dadas as circunstancias sanitarias, A Casqueira verá moi reducida a súa capacidade total, polo que a reserva dos boletos -que son de balde- terá que realizarse vía online a través da app 'Control de Aforos'.

Non obstante, aquelas afeccionadas que desexen asistir e non lles sexa posíbel poderán seguir o evento a través da retransmisión que a FGB levará a cabo na súa canle de Youtube.

O comezo da gran festa do balonmán galego está previsto para ás 18.30 horas co concurso de lanzamentos, que estará seguido do de habilidades e o de sete metros. Finalmente, o partido All Star mixto entre as principais estrelas do país -haberá unha representante de cada equipo da Liga-, ás 20 horas, porá o broche de ouro á xornada.

Comentarios