Álex Marque, mellor galego no prólogo da Volta a Portugal

Os representantes da Galiza rematan a contra o reloxo inicial lonxe dos postos de privilexio.

O ciclismo galego está representado polos ciclistas Delio Fernández, Álex Marque, Ángel Sánchez e Guillermo García nunha Volta a Portugal que disputou onte a súa primeira etapa, unha prólogo contra o reloxo de 5,4 quilómetros con saída e chegada na Praza do Imperio de Lisboa.

Os galegos non tiveron opcións de vitoria, que foi para  Rafael Reis. O mellor foi Álex Marque (32, a 24 segundos do gañador), seguido por (65, a 36 segundos), Guillerrmo García (81, a 39 segundos) e Ángel Sánchez (92, a 43 segundos de Reis).

A Copa Galiza baixa o pano do circuíto de Manzaneda

O centro neurálxico da disciplina de descenso na Galiza, o bike park de Manzaneda, fecha o calendario federativo do 2022 cunha dobre cita, a primeira edición do seu Mini DH e o IV Trofeo Federación DHI-Manzaneda Bike Park.

A primeira destas probas estará orientada aos e ás máis cativas -promesas, principiantes, benxaminas e alevinas-, cunha xornada intensa estruturada ao longo do día de mañá que inclúe adestramentos oficiais (ás 10 horas), unha quenda clasificatoria (ás 15) e a carreira final (ás 16 horas).

Xa o domingo, 7 de agosto, o Trofeo Federación repartirá puntos para a Copa Galiza e o ránking estatal. O certame copeiro regresa a Manzaneda con todo por decidir nas clasificacións xerais. Actualmente, os maillots de líder corresponden a Natalia Menéndez (Cuetos Bike) e Yago Caride (Bici Verde) en cadetes; Cristina Menéndez (Cuetos Bike) e André Martínez (Avanza-O Porriño) en júniors; Uxía Álvarez (Coruxo) e Víctor Mariño (X Bikes) na Sub-23; Gemma Chapela (VK Bikes) e Nicolás Larrán (Traviesas) en elites; Iván Mourelo (DH Galicia) nos Máster-30; Rubén Piñeiro (Mesoiro) en Máster-40; e Ricardo Escudero (Poio Bike) nos Máster-50.

Tras os ensaios libres de mañá, o domingo terán lugar os adestramentos oficiais desde as 10 horas, cunha manga clasificatoria fixada para as 13.30 e a finalísma ás 15:30 horas da tarde.

Damián Ramos, entre a elite do ciclismo adaptado 

Apenas tres meses despois de debutar na Copa do Mundo e no Campionato de Europa, o galego Damián Ramos estrearase no Mundial, concretamente na categoría C-5, un evento que arrancou onte en Quebec e que se estenderá até o 14 de agosto.

Comentarios