mércores 03.06.2020

As afeccións de Celta e Dépor denuncian o acoso da Liga de Fútbol Profesional

Na última xornada ligueira tivo lugar o requisamento de bandeiras da patria a seareiros do Celta en Mestalla e a denuncia ao Dépor polos cánticos "contra España" dos seus afeccionados en Riazor.

As afeccións de Celta e Dépor denuncian o acoso da Liga de Fútbol Profesional

"Na maioría dos temas sigo pensando igual que cando era de Fuerza Nueva. Mais eu non son de extrema dereita. Se extrema dereita é defender a unidade de España, a vida e un sentido católico da vida, eu estaba nese grupo. E sigo defendendo o mesmo, non cambiei".

Estas declaracións son de Javier Tebas, actual presidente da Liga de Fútbol Profesional (LFP), e axudan a comprender e contextualizar dous feitos acontecidos na última xornada ligueira: o requisamento de bandeiras da patria a seareiros do Celta en Mestalla e a denuncia ao Dépor polos cánticos "contra España" dos seus afeccionados en Riazor.

"Aquí se habla en castellano, eh!"

Nós Diario recolleu as declaracións de varios seguidores da escuadra celeste, que confirmaron que nos accesos ao coliseo valencianista fóronlle requisadas as bandeiras da patria.

Cando pediron explicacións, ademais de deixarlles claro que "aquí se habla castellano", dixéronlles que non se podía entrar ao campo con "bandeiras anticonstitucionais", e derivaron a responsabilidade “ao Comité Antiviolencia da Liga de Fútbol Profesional".

Logo, engadiron que de "deixar pasar" a bandeira galega terían que facer o propio "tamén cunha estelada, e iso non pode ser".

Pola súa banda, e 1.000 quilómetros máis ao noroeste de Mestalla, en Riazor, segundo a Liga de Fútbol Profesional, "uns 600 afeccionados locais entoaron durante 10 segundos, e de forma coral e coordinada, 'que puta es España, lo, lo, lo, lo, lo, lo" (sic), un "cántico que incita á violencia, con contido insultante e intolerante", polo que denunciaron o Dépor ante o Comité de Competición da Federación.

comentarios