Fútbol base

Adeus ás 'malleiras' en prebenxamíns: o resultado máximo será de 4-0

A Federación Galega introduce mudanzas significativas no Regulamento da competición das categorías inferiores.
Un partido de prebenxamíns da pasada tempada. (Foto: RFGF)
photo_camera Un partido de prebenxamíns da pasada tempada. (Foto: RFGF)

Debe limitarse o número de goles que un equipo pode marcar a outro nos partidos das categorías inferiores? O debate se deben permitirse ou non as 'malleiras' no fútbol base leva anos sobre a mesa e a Real Federación Galega de Fútbol cre que cómpre comezar a camiñar cara a outro escenario no que as crianzas que practican o deporte rei non sufran tanto por remataren os encontros con marcadores de até 13-0 ou mesmo superiores, como os que se rexistraron durante a pasada campaña na categoría prebenxamín —rapaces e rapazas de sete e oito anos—.

A Federación vén de remitir a todos os clubes da Galiza unha circular na que advirte dunha mudanza significativa no Regulamento de competición para prebenxamíns e benxamíns. No primeiro caso, os cambios afectan por completo as regras do xogo, comezando pola modificación dos tempos de xogo, que desde este curso 2023-24 serán catro, de dez minutos cada un e cunha pausa de cinco minutos entre o segundo e o terceiro. Do primeiro ao segundo e do terceiro ao cuarto haberá unha parada de hidratación de dous minutos.

O xogo iniciarase cun saque de centro ao comezo de cada un dos catro períodos do partido, alternándose a súa execución ao abeiro do resultado do sorteo previo ao comezo do partido entre o árbitro e os capitáns dos equipos.

E da man desta modificación chega a principal, a limitación dos marcadores finais a un máximo de catro a cero. Para iso, cada un dos catro tempos do encontro entenderase como un xogo individual no que o equipo que obteña o maior número de goles será o gañador dese período, outorgándolle o resultado de 1-0 ou 0-1, en función de se é local ou visitante e independentemente do resultado do mesmo.

Aínda que o marcador indique ao termo deses dez minutos un 9-0, o resultado computará como 1-0. E en caso de empate, o resultado a anotar será o de 0-0. Isto lévanos a que o resultado que se reflectirá posteriormente na acta arbitral nunca poderá superar o resultado de 4-0, ou 0-4, en favor dos visitantes. No caso de empataren os catro tempos, o resultado final na acta sería de 0-0.

A outra mudanza introducida, de menor calado, afectaa categoría benxamín, na que os porteiros e porteiras poderán a partir de agora, igual que xa acontecía en prebenxamín, realizar o saque de meta coa man ou en volea.

Comentarios