Fútbol | 1ª RFEF

A CRÓNICA | O Fortuna afonda na crise do Lugo vencendo no derbi

O filial olívico, máis líder após gañar no Ángel Carro (0-1) no debut do técnico luso Paulo Alves.
A parróquia celeste deixouse sentir nas bancadas lucenses. (Foto: RC Celta).
photo_camera A parróquia celeste deixouse sentir nas bancadas lucenses. (Foto: RC Celta).

Club Deportivo Lugo e Celta Fortuna protagonizaron na noite de onte o primeiro derbi galego da tempada futbolística, nun duelo entre o líder da Primeira Federación e un conxunto lucense que aspiraba a reconectar cos postos que dan acceso a disputar o play-off de ascenso.

Disputado no Ángel Carro, o choque, por se non fose suficiente, tiña o morbo engadido de supor o debut de Paulo Lorenço Martins Alves como novo técnico albivermello, logo da sorprendente destitución por parte do presidente Tino Saqués dun Pedro Munitis que tiña o equipo vivo na Copa e ben clasificado na Liga antes de perder o derradeiro partido de 2023 na casa do Cornellá.

E, unha vez máis, quedou demostrado que iso de "a adestrador novo, vitoria segura" non é máis que un tópico, pois os locais caeron derrotados por cero goles a un, resultado curto tendo en conta os méritos dun e outro equipo.

Porque o filial celeste foi superior en todo momento, especialmente na primeira metade, cando de non ser polas acertadas intervencións de Tabuaço na portería moitos máis tantos acompañarían no electrónico o materializado por Alfon, desde fóra da área de soberbio golpeo coa dereita, no minuto 14. 

O Arenteiro visita o campo da veciña Ponferradina

Tan só dúas horas e cuarto en coche separan as localidades do Carballiño e Ponferrada, polo que, tendo en conta as datas festivas nas que se desenvolve un Ponferradina-Arenteiro programado ás 19 horas de hoxe no pintoresco Toralín, a proximidade xeográfica permitirá que un amplo destacamento de seareiros e seareiras se despraze a apoiar o seu equipo, e máis tendo en conta a medida tomada polo conxunto anfitrión de estabelecer os boletos a un prezo único a 10 euros en todas as bancadas para calquera persoa que desexe asistir. 

E se nas bancadas o espectáculo está garantido, sobre o terreo de xogo tamén se agarda un show de primeira orde no que a principal novidade -caso de tramitarse a tempo a súa ficha- sería a presenza defendendo as cores locais dun ex xogador do Deportivo, Borja Valle, que chega procedente da liga romanesa.

Javi Rei, técnico do Arenteiro, salientou que, con ou sen o dianteiro, a Ponferradina é "o mellor equipo a nivel defensivo" da categoría e "un claro candidato ao ascenso directo", indicando que a súa meta será "gozar, competir e sumar nun campo moi difícil"

Comentarios