Selección curda: "Non é só futbol, é reivindicar a nosa existencia como pobo, a nosa cultura, a nosa loita"

Os xogadores da selección de Curdistán recoñécense "emocionados" polo partido de fútbol que este sábado disputarán contra Galiza. Falan de deporte, mais tamén de política, de emigración, de cultura.. E recoñecen que o fútbol é un campo máis para reivindicar a existencia do seu país. Ou sexa, o mesmo que @s galeg@s reclamarán en Pontevedra o sábado.
photo_camera Foto: Zapa da Costa

"Non coñecemos moito da Galiza, mais dos equipos de fútbol de aquí seriamos máis do Celta, por iso de que aos do Depor lles chaman turcos" (risas). Non levarán moito na Galiza, máis os xogadores da selección curda axiña lle colleron o tranganillo á retranca do país e ás leas futboleiras entre o norte e o sur de Galiza. Axuda, claro, que un dos xogadores curdos viva na Coruña e xogue con equipos como As Peñas e Ciudad Jardín. A trintena de persoas que compoñen a delegación do Kurdistán (17 delas, xogadores de fútbol) xa están na Galiza, para disputar este sábado, ás nove da noite, o partido de fútbol contra a selección galega.

"Non coñecemos moito da Galiza, mais dos equipos de fútbol de aquí seriamos máis do Celta, por iso de que aos do Depor lles chaman turcos" (risas)

Non son a selección oficial, "eles non puideron vir, xa sabes, as cousas por alí...", mais séntense como tal. "Somos curdos que estamos en Alemaña, Holanda, Bélxica... e xogamos en equipos de diferentes categorías". O feito de representar a Curdistán "énchenos de alegría. É un orgullo". De feito, apuntan, máis de 150 curdos emigrados en Europa quixeron xogar este partido.

Como en todo, a primeira vez é especial

"E que é a nosa primeira vez representando a Curdistán, e iso é algo que nos fai felices, representar o noso país. Non é só fútbol, é reivindicar a nosa existencia como pobo, a nosa cultura a nosa loita". E falan, entón, do seu país, sometido a varias ocupacións ("Iraq, Turquía, Siria, Irán") que vén sendo a mesma. A maioría dos xogadores proceden da parte do Curdistán ocupada por Turquía: "Até non hai tanto non podiamos, xa non digo aprender curdo nas escolas, senón nin falalo pola rúa". 

Máis de 150 xogadores curdos emigrados en Europa quixeron xogar este partido

"Somos 45 millóns de curd@s, e seis millóns estamos emigrados en Europa", sinalan, relatando este feito como mostra do drama no que se atopa o seu país. Ao falarlles de que a emigración tamén é un mal endémico da Galiza, apuntan que "xa nolo dixeron, xa... pois semellámonos en moitas cousas, parece", e volven rir.

Biji Sérok Apo

Falan de política e piden que se recolla o seu sentir, que resumen nunha frase: Biji serok Apo (Viva o presidente Apo, alcume de Abdulá Ocalan, fundador do PKK condenado a cadea perpetua en Turquía). Moitos sinalan que do estado español só coñecían a loita de Euskal Herria, mais axiña amosan simpatía por Galiza, á que denominan país ou nación sen andar con miramentos.

Din estar contentos e nótaselles. Reiteran o orgullo que é representar como selección o seu país. E na conversa saltan da política ao fútbol, mais sempre desde un prisma político: "No Curdistán somos moito do Barça. Ten unhas cores vivas na equipación e nós gostamos das cores vivas, como a da nosa bandeira". E rin, outra vez.

Din que a maior parte dos curdos que xogan profesionalmente ao fútbol fano en equipos da liga turca, "non temos moita posibilidade de elixir. Non temos liga propia". Mais que o compromiso co seu país está presente en todos eles e en tod@s @s curd@s". 

Comentarios