Zaira Caamaño: "O cartafol pon rostro a mulleres decisivas do Reino da Galiza"

Zaira Caamaño, socia de MAOS Innovación Social desde 2021, é a coordinadora do Cartafol de Ilustracións do Reino de Galiza, unha das propostas premiadas do certame Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22 da área de Cultura da Deputación da Coruña. 
Zaira Caamaño mostra as láminas do cartafol de ilustracións (Foto: David Lourido).
photo_camera Zaira Caamaño mostra as láminas do cartafol de ilustracións (Foto: David Lourido).

—Nós Diario inclúe hoxe  unha cartilla para conseguir o Cartafol de Ilustracións do Reino de Galiza, un proxecto coordinado por vostede e editado por MAOS Innovación Social. Como nace esta idea?
Foi unha idea que presentamos ao certame Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22 da Deputación da Coruña, coa que buscabamos levar a cabo unha revisión histórica do noso pasado e achegala ao presente dunha forma atractiva a través da arte, cunha perspectiva de xénero. 
Neste proxecto, as mulleres son as protagonistas, tanto do pasado como do presente. É pouco habitual atopar protagonistas femininas na historia e pareceunos necesario polas enriba da mesa, dalas a coñecer e ofrecerlles un oco no presente desde unha ollada, tamén, feminina a través das cinco artistas coas que colaboramos.

—Nós Diario publicou neste mes entrevistas ás cinco artistas que ilustraron as mulleres que aparecen no cartafol. Como foi traballar con elas?
Para min a arte é unha ferramenta fundamental para a transformación social e sempre quixen levar adiante algún proxecto artístico. Por diferentes motivos, non xurdira a oportunidade e, aínda que coñecía o traballo das cinco ilustradoras, traballar con elas era algo novo. Elas acolleron moi ben a proposta desde o primeiro momento, mostráronse receptivas e achegaron ideas. Foi moi sinxelo traballar con elas.

—Como foi o proceso de traballo?
Comezamos realizando unha investigación histórica sobre mulleres medievais, que enviamos ás artistas e foron elas quen elixiron As protagonistas.
A partir de aí, nós comezamos a traballar nos textos e as artistas nas ilustracións. Desde o principio tivemos claro que buscabamos propostas estéticas diferentes e estilos que contrastasen entre si, polo que deixamos liberdade creativa ás artistas e estamos moi contentas co resultado.

—Que virtudes salientaría deste cartafol de ilustracións?
Creo que conseguimos unha edición coidada, cunha gran calidade a nivel artístico, que nos achega á nosa historia de forma amena e sinxela, afastándonos dos textos académicos pero sen perder a veracidade histórica.
Ademais, ten un forte peso a perspectiva de xénero grazas a esa revisión actualizada das ilustradoras. O papel das mulleres sempre estivo esquecido, ocultado ou relegado a un segundo plano, sobre todo ao longo da historia. Poder coñecer e pór rostro a diferentes mulleres decisivas do Reino da Galiza é fundamental para coñecer realmente a nosa historia medieval.

—Vostede é socia de MAOS innovación Social.
Si, somos unha cooperativa de desenvolvemento de proxectos culturais e sociais, onde traballamos coa máxima de que as persoas somos o primeiro. Ser unha cooperativa e apoiar os valores da economía social, a min, permíteme vivir e traballar desde Rebordechán, apostando por un modo de vida no rural, que doutra forma sería case imposíbel.

—Que tipo de traballos levan a cabo? Que proxectos destacaría?
Temos tres liñas de traballo: etnografía, desenvolvendo proxectos de patrimonio inmaterial e memoria; xestión cultural, a través da que deseñamos, desenvolvemos e coordinamos proxectos culturais e sociais; e comunicación, centrados na elaboración de contidos culturais e publicacións. A Memoria das Mulleres é un dos proxectos máis lonxevos de MAOS e, para min, un dos máis bonitos, feito ao redor das historias de vida de mulleres de Pontevedra. Tamén quero destacar Compostela literaria, un proxecto no que estamos traballando, sobre a relación de Compostela e a literatura.

A Galiza do medievo con nome de muller

O Cartafol de Ilustracións do Reino de Galiza é unha coidada edición de dez láminas sobre mulleres destacadas do medievo galego, creadas por cinco ilustradoras: Iria Fafián, Laura Romero, María Montes, Minia Regos e Nuria Díaz. Para conseguir o cartafol, as lectoras e lectores de Nós Diario poden cubrir a cartilla que atoparán impresa no xornal de hoxe. Os cinco cupóns necesarios para completar a cartilla entregaranse co xornal desde a terza feira 20 de setembro até o sábado 24.

Unha vez cuberta a cartilla cos cinco cupóns, poderase entregar nun quiosque ou punto de venda de Nós Diario até o 26 de setembro e, a partir do, 28 poderase recoller o cartafol no estabelecemento onde se reservou. Trátase dunha edición limitada a 500 exemplares que se entregarán por orde de solicitude e que ten un custo de dous euros, destinados aos gastos de xestión e distribución, que se abonarán no quiosque.

Comentarios