Yolanda Castaño, a Eira da Xoana e a presenza galega na cartografía flamenga, no 'Sermos Galiza' deste sábado

Como cada semana, este sábado o teu exemplar de 'Nós Diario' vai acompañado polo semanario 'Sermos Galiza'... 64 páxinas por só tres euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Montse González entrevista esta semana a escritora Yolanda Castaño, que protagoniza este Sermos Galiza. A autora volve mudar de temática e de ritmo no seu novo libro, Materia (Xerais), mostrando, como di ela, que a poesía ten que ser exploración constante.

"A primeira parte do poemario é o elemento líquido da materia, a segunda é o sólido e a terceira o gasoso. Esa primeira parte dedícase ás miñas dúas avoas", precisa.

Unha visita á Eira da Xoana

O semanario Sermos Galiza deste sábado abre cunha reportaxe da xornalista Mar Álvarez sobre A Eira da Xoana, "un modelo para a recuperación do rural galego". 

Camilo observa a casa que herdou na parroquia de Ramil (Agolada), lugar onde tamén reside. Desmantelada e case en ruínas. Quen lle ía dicir a el daquela, hai máis de 15 anos, que esa edificación se convertería nun fogar para toda a aldea. Un fogar no que xogar, aprender, festexar e reivindicar unha cultura viva e respectuosa coa natureza. Agora Camilo ten 97 anos, mais aínda sobe andando até aquela casa, que anos atrás decidiu vender, para contar todas as historias que lembra dela.

Galiza e a cartografía flamenga

Aliás, Héitor Picallo asina a reportaxe 'Galiza nas escolas cartográficas flamengas'. "Como consecuencia dos proxectos coloniais da casa de Austria xorde unha cartografía europea, peninsular e galega na que se especifican moitos detalles a ter presentes, sobre todo no plano da heráldica", indica.

"Non son un nin dous os manuscritos nos que se ve un escudo para España e outro para a Galiza, identificándose aquela –evidentemente– cos reinos de Castela e León, pois nos mesmos armoriais tamén se diferencian Portugal, Navarra e Aragón, no que atinxe á Península, así como Escocia, Gales e Inglaterra con respecto ás illas británicas", engade o autor.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Herminio González, que trae as últimas novidades, a comezar por O estraño karaoke dun home bata, de Manuel Seixas, mentres Jasper asina o artigo titulado 'A mensaxe de Ultramar'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Ennio: o mestre, de Giuseppe Tornatore, e Carlos L. Bernárdez ofrece na sección de Arte unha análise da 'Gallaecia' histórica.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Planeta Bugallo, de Raquel Castro (Galaxia), mentres Manuel López Foxo fala de Miguel González Garcés, mineiro de luz, de Xulio L. Valcárcel (Laiovento). Aliás, o colectivo Xea trasládanos aos cumes e miradoiros na contorna do Chan da Arquiña.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros!

Comentarios