Yolanda Castaño, Ponte... nas Ondas! e o Museo do Gravado de Ribeira, Premios da Cultura Galega

Pontevedra acolleu a gala de entrega dos premios
Alfonso Rueda, Fernández Lores e Yolanda Castaño, no centro (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda, Fernández Lores e Yolanda Castaño, no centro. (Foto: Nós Diario)

O convento de Santa Clara, en Pontevedra, foi o escenario elixido para a entrega dos Premios da Cultura Galega 2023, uns galardóns que recoñecen persoas e colectivos pola súa achega nas diferentes disciplinas.

Na categoría de Letras, a premiada foi Yolanda Castaño, poeta activa e dinamizadora literaria que conta cunha longa traxectoria, na que mantivo sobre todo un forte compromiso coa poesía, en contacto coas máis diversas e novas prácticas poéticas contemporáneas.

O premio de Artes Visuais foi parar ao Museo do Gravado de Ribeira (O Barbanza), unha institución museística creada en 2001. PistaCatro foi a compañía elixida na categoría de Artes Escénicas. Desde a súa constitución en 2006, consolidouse como produtor decano das novas correntes circenses da Galiza, abrindo novos mercados e creando novos públicos.

A Banda Unión de Guláns levou o Premio en Música. Con escola de musical desde hai máis de 100 anos, naceu en 1870 en Guláns, Ponteareas, da man de José Carracedo Domínguez, fundador e primeiro director.

En Audiovisual, o premio foi para a produtora Portocabo, nada en 2010 na Coruña da man do seu director, Alfonso Blanco 'Fosco'. 

A iniciativa 'Ponte... nas Ondas!' foi a premiada en Lingua. Constituída como asociación cultural e pedagóxica en 1995, realiza actividades na procura da promoción de actividades culturais e pedagóxicas, así como a promoción da identidade común dentro dunha perspectiva xeral de integración no mundo lusófono.

O historiador Eduardo Pardo de Guevara levou o premio en Patrimonio Cultural e, por último, os cursos de verán 'Galego sen fronteiras' foron os premiados na categoría de Proxección Exterior.

Na gala estiveron autoridades como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, ou os alcaldes de Pontevedra e Ribeira, Miguel Anxo Fernández Lores e Luís Pérez Barral.

Comentarios