Yolanda Castaño e Paco Ibáñez na X Semana de Poesía Salvaxe

Esta cuarta feira comeza a décima edición da Semana de Poesía Salvaxe en Ferrol. Organizada polos poetas Karlotti e Guillermo Fernández en colaboración co concello desta cidade, a Semana da Poesía ofrecerá recitais, pasarrúas e concertos durante os días 19, 20, 21 e 22 deste mes de abril.

salvaxe
photo_camera Participantes nunha das edicións de Poesía Salvaxe no bar Cazadores de Ferrol

Estes catro días repletos de poesía comezan coa lectura da proclama poética a cargo de Guillermo Fernández, Karlotti, Victor M. e Felipe Zapico. A partir deste intre, as rúas de Ferrol encheranse de recitais, lecturas e concertos até o sábado, cando se celebrará o fin de festa cun recital e concerto.

Entre os actos desta semana atopamos recitais e lecturas de poetas de referencia no panorama actual como Xoán Abeleira, O Leo ou María Lado e Lucía Aldao, que se levarán a cabo na rúa e nalgúns locais da cidade. Participarán ademais poetas locais e haberá espazos de micrófonos abertos.

Terán tamén lugar presentación de libros, como a do último poemario de Felipe Zapico, e actuacións como o recital musical de Manolo Bacalhau. A quinta feira, día 20 de abril, Paco Ibáñez dará un concerto no Teatro Jofre. Todos os actos serán gratuítos, a excepción deste último concerto para o que se poden conseguir entradas a partir de 18 euros.