Xusto Beramendi recibe a Medalla de Ouro do Museo do Pobo Galego

O padroado desta institución recoñeceu a traxectoria do historiador e as responsabilidades que asumiu, ademais de lembrar que participou na súa fundación en 1976.

Entrega da Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego  a Xusto Beramendi (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concha Losada entrega a Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego a Xusto Beramendi (Foto: Nós Diario).

Coincidindo coa asemblea do padroado do Museo do Pobo Galego (MPG), este sábado entregóuselle ao historiador Xusto Beramendi, un dos seus fundadores, a Insignia de Ouro da entidade.

O padroado, na súa intervención, recoñeceulle que “os factores considerados para conceder as anteriores insignias de ouro concorren no caso do Dr. Beramendi González”.

Lembraron, ademais, por unha parte, que, “xunto cos xa finados Carlos García Martínez e Rafael Baltar Tojo concibiron a idea de crear o MPG, recollendo arelas históricas do galeguismo e valéndose da plataforma do COAG, ao que estaban vencellados laboral e profesionalmente.”

Por outra, recordaron que “ao longo de moitos anos asumiu responsabilidades de xestión no propio MPG, primeiro como secretario, logo como presidente da Xunta Reitora, e finalmente como presidente do padroado”.

Tiveron en conta desde o padroado, tamén, que “até o último momento levou o leme de MPG para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento” polo que “coherente coas súas ideas, en maio de 2022 para non perpetuarse no cargo renunciou á presidencia do padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección”.

Traxectoria de Beramendi no padroado

Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986.

Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.

En abril de 2022 anunciou a súa decisión de retirarse e escolleuse á profesora Concha Losada, daquela vicepresidenta, como nova presidenta.

Comentarios