Xurxo Chirro: “O Novo Cinema Galego saca lustre a nosa cultura”

O nome de Xurxo Chirro é un dos referentes no que se deu en chamar Novo Cinema Galego. Autor de Vikingland, premiada co Play Doc de Tui, o creador asinou un feixe de curtas de carácter experimental que evidencian unha nova maneira de facer cinema. Autor, crítico, difusor, dinamizador e activista do cinema, a Biblioteca Ánxel Casal de Compostela dedícanlle a súa obra un ciclo retrospectivo que comeza o xoves día 11. 

Xurxo Chirro
photo_camera Xurxo Chirro

-A Biblioteca Ánxel Casal vai dedicar un ciclo a súa produción audiovisual. 

Para min é unha honra que mo propuxesen. Actualmente vivo a 50 metros e case paso máis tempo na Casal que na miña casa. Está moi ben que ás veces as olladas recaian no máis próximo.

-Non é moi novo para que lle fagan un ciclo retrospectivo?

(ri) Boa pregunta!. O de “retrospectiva” foi so unha fórmula para encaixar a variedade do meu traballo. Gústame a idea de mostrar de onde procede Vikingland. Agora penso que xa non só fai falta produción e exhibición senón tamén algo de pedagoxía para explicar o porqué das cousas. Todo isto non se podería facer nunha sesión polo que deseñamos tres aproximacións ao meu traballo onde as distintas perspectivas vanse complementar.

- Que sinais cre que identifica a súa creación audiovisual?

O principal sinal que caracteriza a miña obra é que asumo as miñas limitacións. Moita xente pensa que para facer cinema é preciso de moitos cartos, unha morea de equipo e moita xente. E en realidade, este xeito de facer as cousas persiste dunha maneira case agónica. Cada vez máis, comézase a considerar a creación cinematográfica afastada de todas as rémoras dun modelo vello, xerarquizado e obsoleto. Agora o cambio é brutal! Calquera persoa pode chegar a facer unha película sen filmar, pode crear un filme na casa, co móbil e co computador. Todo isto dá unha intimidade á creación cinematográfica nunca vista antes. Porén, este ensimismamento non limita á hora de abordar cuestións interesantes e ambiciosas, senón todo o contrario, estimula a creatividade para poder contar aquilo que queres tendo en conta os recursos dos que dispós.

"Calquera persoa pode chegar a facer unha película sen filmar, pode crear un filme na casa, co móbil e co computador".

-Despois de iniciarse con curtas, Vikingland supuxo un salto na súa traxectoria, pola presenza en festivais internacionais e por ter gañado o Play Doc de Tui. Que significou ese traballo?

As curtametraxes foron moi eficaces para ir aprendendo, tanto dos acertos como dos erros. Obviamente Vikingland é a miña película que tivo maior recoñecemento internacional mais englóbase organicamente na miña traxectoria. Hai que pensar que convivín con este proxecto desde o 2006 polo que a súa presenza nalgunha maneira estivo latente desde as orixes. E así ten algo de todo o que me interesa: o atoparse con refugallos de realidades como en Argazo, o interese polo “outro” como n´Os Señores do vento, a evidencia da memoria como en 36/75, aspectos da mirada como en 13 pozas, a potencialidade do documento en Cellular Movie, o mundo do mar en Á luzada

-Forma parte do que se deu en chamar Novo Cinema Galego, como valora esa nova xeración de cineastas?

A pesar de todo o que está caendo estamos a vivir o mellor momento da Historia do Cinema Galego. Actualmente existe un corpus de creadores e de obras que argumentan suficientemente esa denominación. Estas tres palabras teñen algo de provocación mais penso que son válidas para darlle algo de visibilidade ao que está acontecer. Por desgraza esta etiqueta é máis efectiva fóra que dentro de Galicia. Cando fun por festivais internacionais moitos críticos e programadores facíanme preguntas sobre o que acontecía co cinema galego. Malia esta atención foránea en Galicia todo isto está a pasar desapercibido. O que noutros sitios serviría para “sacar peito” aquí é obviado. Isto pode ser debido á tradicional mala consideración que hai en Galicia do cinema como ferramenta cultural, mais hai que caer na conta de que, posiblemente, durante os últimos anos non houbo nada mellor que o Novo Cinema Galego para sacar lustre á Cultura Galega.

-Canda esa faceta de creador, vostede é un dos principais promotores da difusión do cine galego na rede. Que posibilidade ofrece para a súa difusión?

Nesta altura os campos xa non son tan estancos. A hipermeabilidade é algo propio do vello modelo de facer cinema. Agora os roles teñen que ser mais transversais. Os perfís deben ser máis indefinidos para axustarse aos novos tempos de incerteza. A cristalización deste gran momento na creación cinematográfica en Galicia foi debida a que moitos axentes apuntaron nunha mesma dirección. Se nun principio foi a administración (coas extintas axudas de talento), logo responderon os creadores, logo a crítica e logo os programadores. E para facer máis fácil a tan agardada chegada do público hai que insistir na divulgación, na visibilidade e na ensinanza. Os espazos para isto son moi reducidos polo que non queda outra que sacarlle todo o partido á rede. Probablemente esta actividade tería que ir da man da administración ou das institucións académicas mais estas case sempre se atopan a anos luz do presente.

-A última xornada da retrospectiva non se dedicará a unha proxección senón á presentación do Proxecto Socheo. Como valora esa creación dun arquivo audiovisual sen apoio institucional?

Proxecto Socheo xurdiu tralo accidentado pase de Vikingland na Guarda cando unhas mulleres comentáronme que tiñan gravacións de vídeo dos seus homes cando estaban embarcados. Preguntáronme se quería facer outra película e díxenlle que non ía poder ser, porén buscaría a maneira de pór en valor todo ese material. Ese é precisamente o espírito de Proxecto Socheo: a necesidade dunha comunidade en partillar e mostrar imaxes habitualmente relegadas mais que colocadas unhas ao lado das outras revelan de maneira elocuente uns potentes sinais de identidade. Malia a boa vontade e participación da xente témonos atopado con numerosos problemas debido á instrumentalización deste tipo de patrimonio. Socheo avoga pola creación dun arquivo da imaxe municipal mais a nosa actividade propiciou o efecto contrario: proxectos similares que acentúan a fragmentación. Socheo iniciou a dixitalización dos arquivos da antiga canle local de televisión mais tivo que desestimar ese monumental proceso pola incidencia de todo tipo de suspicacias. O concello considerounos como “pouco ambiciosos” e, polo tanto, non aptos para os "plans" culturais do pobo. O que máis incomoda desta situación é que a pesar dos nosos esforzos desinteresados haxa quen poña en dúbida a profesionalidade do grupo de xente que estamos implicados en Socheo. Todos estes obstáculos externos minan bastante a moral mais, sinceramente, nada pode co feito de ver e sentir a ilusión dos veciños cando orgullosos nos achegan as súas imaxes para compartir.

Comentarios