Sería unha cesión temporal

A Xunta negocia traer a Galiza 'A derradeira lección do mestre' de Castelao

O máis célebre dos óleos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira lección do mestre, podería visitar por primeira vez Galiza. Farao de prosperaren as negociacións da Xunta -“avanzadas”, segundo fontes coñecedoras- coa institución que acolle o cadro, o Centro Galiza de Bos Aires.
 

derradeira-leccion-mestre
photo_camera Detalle de 'A derradeira lección do mestre', de Castelao.

derradeira-leccion-mestre 2

Hai quen alcuma a obra de “Gernika galego”, en referencia á pintura de Picasso en defensa da II República e a democracia. A súa cesión temporal e exposición en Galiza terían un enorme significado histórico, tal e como lembraban hai dous anos os promotores da Iniciativa Lexislativa Popular “sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego”.

Fontes ao tanto dos contactos entre o Goberno galego e o Centro Galiza -institución federada na Federación de Asociaciones Españolas de Argentina- salientan o papel do ex conselleiro de Cultura e diplomático Roberto Varela nas xestións.

Castelao, que morreu no exilio bonaerense o 7 de xaneiro de 1950, pintara A derradeira lección do mestre cinco anos antes. Baseado na estampa de guerra de igual título, o lenzo mide dous metros de altura por 136 cm de ancho. O docente asasinado como símbolo da brutalidade fascista converteuse en emblema galeguista e demócrata.

Sobre se o cadro debería vir ou non para Galiza, María Xosé Porteiro e Pilar García Negro protagonizaron no seu día un debate nas páxinas do Sermos247, transcrito aquí.

Nota: reprodución de A derradeira lección do mestre.

Comentarios