Unha Iniciativa Lexislativa Popular para rematar coa “ocultación” de Castelao

Castelao ao dispor do pobo que era o destino da súa obra. Este é o obxectivo da Iniciativa Lexislativa Popular que esta sexta feira presentou a federación de asociacións culturais Galiza Cultura canda outras entidades como a Mesa ou a CIG-Ensino. 

ilp
photo_camera ilp

Unha das figuras clave na historia da Galiza continúa oculta, censurada, e esta situación explica, segundo o seu grupo promotor, a “Iniciativa Lexislativa Popular sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego” que esta sexta feira foi presentada en Compostela. Un amplo programa de actividades de difusión acompañará nestes catro meses a recollida da sinatura. 

A presidenta da federación de asociacións culturais GalizaCultura, Pilar García Negro, xunto con representantes doutras entidades que forman parte da comisión promotora da iniciativa como Anxo Louzao pola CIG-Ensino, Marcos Maceira da Mesa pola Normalización Lingüística ou Mª Antonia Pérez e Clara Iglesias das asociacións culturais O Galo e Vagalume foron as encargadas de presentar a iniciativa que busca recoller apoios para disponibilizar a obra de Castelao para o pobo galego. 

Entre todas as medidas que a ILP contempla, destaca de maneira especial a demanda do “acceso público e aberto a través da rede de Internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego” xa que, até o momento, as imaxes e obras de Castelao non se poden utilizar libremente por estaren sometidas a dereitos de autor. O texto para o que se comeza agora a recoller sinaturas reclama tamén a catalogación de toda a súa obra, a definición dun espazo museístico acaído e a divulgación da súa figura. “Esiximos que se acabe, de unha vez por todas, coa censura, ocultación, descoñecemento e ignorancia sobre a figura e a obra multifacética de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao”, sinálase. 

A derradeira lección do mestre

Das case 4.000 obras que compoñen o legado artístico de Castelao, a iniciativa repara especialmente nunha, “A derradeira lección do mestre”, o cadro que está depositado no Centro Galiza de Bos Aires, antes Centro Ourensán. A ILP demándalle á Xunta que inicia a xestión para a súa adquisición e traslado a Galiza para ser exposto publicamente.  “Queremos que se devolva ao seu país o que obrigatoriamente foi realizado fóra del. Na actualidade é clandestino e para contemplalo hai que solicitar permiso”, reclamou a presidenta de GalizaCultura, Pilar García Negro do que definiu como unha “cura do esquecemento” dunha obra infelizmente descoñecida e dispersa. 

“Toda a reivindicación de Castelao veu da man das asociacións culturais, do nacionalismo galego e as súas organizacións políticas e sindicais e o que agora quere esta iniciativa é que se desenvolva unha política de atención para que a figura de Castelao sexa debidamente coñecida e valorada polo pobo ao que dedicou os seus esforzos”, sinalou Garcia Negro no acto de presentación pública da ILP que se desenvolveu dous días despois do aniversario do falecemento de Castelao.  “Estamos perante unha produción impoñente que ten que ser coñecida e estar á disposición do pobo galego”, reclamou. 

Parella a recollida de sinaturas, desenvolverase un programa de actos de visibilización e difusión da obra de Castelao por todas as comarcas do territorio galego, cunha especial atención ao ámbito escolar. Ademais de mesas redondas, debates ou conferencias, o programa incluirá iniciativas singulares como a exposición de imaxes da obra de Castelao para a que xa se comprometeron un grupo de comercios de Ferrol. 

O obxectivo é, segundo García Negro, “desenterrar a Castelao e facelo circular por todo o país, como cando publicou as estampas do Álbum Nós que se fixo popular e coñecidísimo por toda parte”. 

Comentarios