CONTRACULTURA

Xulia Pisón e Óscar Losada: "Temos un caso único no mundo, en Hollywood xa sería unha película"

'Irene a porteira' é o título da banda deseñada escrita polo xornalista Óscar Losada e ilustrada pola deseñadora Xulia Pisón. Nela, abordan a historia de Irene González, a porteira e capitá do equipo masculino coruñés ao que deu nome na década de 1920: o Irene F. C.
Xulia Pisón e Óscar Losada buscan reivindicar e divulgar a figura de Irene González. (Foto: Cedida)
photo_camera Xulia Pisón e Óscar Losada buscan reivindicar e divulgar a figura de Irene González. (Foto: Cedida)

—De onde partiu a idea para recoller a historia de Irene?
Óscar Losada:
Eu din con ela xa hai 15 anos e fixera un pequeno documental para difundir a súa figura, que é o que pretendemos tamén con isto. Saíra en "Onda curta", na TVG, e aproveito tamén para reivindicar este tipo de programas, que hoxe xa non existen. 
Din con ela grazas a un libro de Darío Muíños e eu quedara impactado porque me parecía algo alucinante. Co meu compañeiro Carlos Castro levei ese documental polos institutos e chegou un momento en que pensei que sería unha boa idea traballar coa linguaxe do cómic para achegarlle a figura a todo o mundo, sobre todo á rapazada, que quizais lle entra mellor. Como sempre digo, é un caso único no mundo e en Hollywood xa sería unha película. Creo que temos que reivindicalo, sobre todo polo fondo que ten detrás en relación ao feminismo e aos retos que Irene tivo que enfrontar, porque, na mesma época, había unha muller en Málaga que tiña que facerse pasar por home para poder xogar no campo. 

Xulia Pisón: Eu xa colaborara con Óscar na súa revista, O Dez, ilustrando algunha portada. Faloume deste proxecto e, en canto me contou a idea, xa subín ao barco. É certo que tardamos un pouco en facelo por cuestión de tempos, mais eu sabía que tiña moito potencial e máis para o cómic.

—Como foi o proceso de construír a obra a catro mans?
X.P.:
O guión é de Óscar. Logo fixemos un intercambio de ideas sobre como construír as escenas e demais. Sobre todo foi moito traballo de documentación gráfica da época porque intentamos ser rigorosos con respecto á ambientación e á forma de moverse. Eu non son unha experta en fútbol e ademais o de antes non ten nada que ver co de agora, por exemplo en movementos, xogadas e posicións. Tamén tomamos moitas referencias da vestimenta fóra do campo e da Coruña, da época das imaxes de Ruth Matilda Anderson, que estivo fotografando a Galiza rural e urbana nos anos 20. Eu tamén tiña as referencias de xogar no colexio de nena e tamén da serie "Súper campións", que era moi acrobática e fantasiosa, polo que tiven que parar un pouco o meu afán épico. 

O.L.: Daquel guión do documental eu tiña xa unha especie de columna vertebral que logo só houbo que modificar para adaptala ao cómic. Cando lle enviei o guión a Xulia estaba xa viñeta por viñeta e, traballando pouco a pouco, fomos modificando diálogos e quizais condensando as viñetas nunha soa porque funcionaba mellor así. Xulia traballa moi ben visualmente e, cando vas a unha tenda de cómics, a historia pode estar ben, pero as ilustracións son as que venden. Por iso tamén queríamos ter fotografías de partidos desa época, de accións que se deron, para poder ter unhas referencias claras. 

—Por que non se coñece tanto a historia de Irene?
X.P.:
Non creo que sexa falta de interese, simplemente non chegou o momento de sacala antes. Hai outros países que colleron figuras similares e foron máis rápidos para poñelas en primeira plana, como é o caso das Mercury 13 ou de Amelia Earhart. As mulleres fomos sistematicamente borradas da historia, así como os nosos logros en todos os ámbitos, e agora temos o lugar e o espazo para que a xente poida crear cómics, filmes e historias sobre este tipo de pioneiras. 

O.L.: O certo é que cando fomos aos institutos e colexios non había ninguén que soubera desta historia. Como dicía, é un traballo no que a difusión é moi importante. Creo que, ás veces, cando temos algo único no mundo e non o estamos dando a coñecer, tamén hai un problema de país, porque hai outros lugares que non desaproveitan oportunidades así. Por sorte, cada vez vai sendo máis coñecida Irene González e si que hai persoas maiores ás que lles soa porque era unha figura da que se falaba na cidade da Coruña.

Comentarios