Autor de 'O legado clásico na nosa cultura'

Xosé Abilleira: "Como galegos, ter as nosas traducións supón a nosa propia mirada sobre o mundo clásico"

Xosé Abilleira é licenciado en Filoloxía Clásica e imparte aulas de latín e de grego no ensino secundario. A raíz das súas colaboracións en diversas publicacións, ligadas ao asociacionismo cultural de base, edita agora con Morgante-Rinoceronte O legado clásico na nosa cultura. Unha mirada desde Pontevedra
IMG_20201218_175237
photo_camera O profesor Xosé Abilleira imparte clases de latín e grego. (Foto: Nós Diario)

Cóntenos en que consiste este "legado" acabado de chegar ás librarías.

É unha escolma, das moitas posíbeis. Neste caso o que recollo non é tanto o aspecto lingüístico ou artístico, que podería facerse tamén, senón máis ben unha especie de ecos, evocacións ou fíos que nos conectan con elementos da cultura clásica. Algúns deles moitas veces están explícitos e son claros pero outras veces están un pouco máis agochados.

Desde o meu punto de vista este aspecto está algo deixado de man ou nun lugar secundario,  e creo que ten unha importancia grande, maiúscula, para a nosa cultura e para a nosa identidade, para entender o mundo e interpretar a realidade. E tento comunicalo desde a perspectiva galega, non supeditada a ningunha outra.

Cales son eses elementos explícitos e cales os que permanecen agochados?

Cando digo explícita non estou a dicir que non estea posta en valor, senón moi tapada ou desconsiderada. Por exemplo, as traducións do mundo clásico galego. As que fai de Homero, da Ilíada e da Odisea, Evaristo de Sela, por exemplo, son algo explícito pero penso que até hai pouco non se empezou a percibir a súa valía...

Para nós, como galegos, ter as nosas traducións supón a nosa propia mirada sobre o mundo clásico. Tamén están as traducións de Avelino Gómez Ledo, que sendo crego e tendo mentalidade conservadora traduciu ao galego moitos autores e mesmo algún poema de Safo. E despois hai elementos que son máis de ámbito local ou menos coñecidos pero que existen.

Aí o que fago é rastrexar aspectos da cultura clásica que están en determinados textos e documentos. Un poeta pontevedrés interesantísimo era o padre Amoedo Carballo, aínda que non me interesa o aspecto relixioso, si como quedan algunhas chaves do mundo clásico na nosa cultura. Mitos como o de Penélope ou o de Prometeo están presentes.

Sobre Penélope fago alusión na introdución a como pasa por ser o tópico da muller fiel, pero desde a nosa cultura reinterprétase e incluso se lle dá un novo paradigma e se destrúe o patriarcal, como en “Tecín soa a miña tea” de Rosalía. A figura de Prometeo igual, tan querida pola perspectiva marxista. Ese titán que rouba o lume aos deuses para dárllelo aos seres humanos, identificado polas ideas de liberación, de luz e de progreso. Curros, Pondal, Celso Emilio, Avilés de Taramancos... achéganse a el.

A que se refire "Unha mirada desde Pontevedra"?  

A certa perspectiva local. Desde tópicos literarios, como o locus amoenus (o lugar idílico) a través do retiro do bispo Xelmírez no mosteiro de Lérez. Cousas menos explícitas pero que están aí e entroncan co mundo clásico. Aquí en Pontevedra estase a dar un proceso de transformación urbana e que integra tamén aspectos como a feira franca... ou Teucro, fundador mítico de Pontevedra.

E tamén hai un autor moi interesante que é Juan de Guzmán, ao que contribuín a rescatar. Un sevillano que estivo en América e que pasou tempo en Ourense e en Pontevedra, onde ten unha cátedra de latinidade, e que avanzou na tradución das Xeórxicas de Virxilio no século XVI.

En que outros proxectos está a traballar agora mesmo?

Hai un tema que me gusta moito, que é o concepto de cidade. No libro falo xa dese concepto en relación co seu valor de servizo social, de espazo público, e relaciónoo coa transformación urbana que viviu Pontevedra nas últimas décadas. Quero facer un achegamento a como vían a cidade os autores clásicos, como ben común, coa perspectiva de cada época. 

Comentarios