As xornadas sobre o patrimonio arqueolóxico centraranse nas villae na Gallaecia

A paisaxe agraria da Gallaecia sufriu importantes modificacións coa instalación dun novo sistema de explotación do territorio, dentro do cal as villae constituían o seu elemento máis xenuíno.
Presentación, onte, en Lugo, das Xornadas.
photo_camera Presentación, onte, en Lugo, das Xornadas.

As modificacións da paisaxe agraria na Gallaecia serán o tema que centrarán as VII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán os días 5 e 6 de abril no Pazo de San Marcos de Lugo baixo o título As villae na Gallaecia. Establecementos agrícolas-señoriais de época romana.

A deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, presentou o programa e as actividades que se levarán a cabo durante estas xornadas xunto á directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro, o doutor en prehistoria Eduardo Ramil -ambos coordinadores desta edición-, e Ofelia Carnero e Enrique Alcorta, do departamento de Arqueoloxía do Museo e membros do comité científico.

Tras a conquista romana, a paisaxe agraria da Gallaecia sufriu importantes modificacións coa instalación dun novo sistema de explotación do territorio, dentro do cal as villae constituían o seu elemento máis xenuíno. Trátase de instalacións que adoitaban aglutinar edificacións dedicadas ao aproveitamento, transformacións e almacenaxe de diferentes productos, así como unha área residencial.

Necesidade das actuacións arquolóxicas

Na provincia de Lugo, coñécense un bo número de establecementos que se teñen identificado como villae como é o caso das de O Campón (Burela), Area (Viveiro), Roupar (Xermade), Doncide (Pol), Coea (Castro de Rei), Agro de Parapar (Nadela), San Vicente de Castillón (Pantón), Vilar de Sarria (Sarria), A Grade (Chantada) ou Proendos (Sober).

As xornadas divulgarán investigacións, intervencións arqueolóxicas e proxectos de socialización que se levaron a cabo na Galiza, Asturias, León ou Valladolid en relación coas villae, contribuíndo a un maior coñecemento destes restos romanos e promovendo unha reflexión xeral sobre a necesidade e a xustificación das actuacións arqueolóxicas.

Comentarios